A inflación dispárase en abril marcada polo prezo da vivenda, 23% máis caro que en 2021

O incremento do IPC interanual é máis acusado na Galiza que no conxunto do Estado, cun rexistro de 9,1%.
Vivenda en aluguer (Foto: Arxina)
photo_camera A vivenda é o que máis se encareceu no último ano na Galiza. (Foto: Arxina)

O Índice de Prezos de Consumo (IPC) subiu en abril 9,1% na Galiza, en comparanza co mesmo mes de 2021, o que supón un crecemento oito décimas superior ao da media estatal.

Segundo os datos publicados esta sexta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE), os prezos volveron dispararse o mes pasado, após o incremento de 10,5% rexistrado en marzo no país, tamén por riba do 9,8% rexistrado no conxunto do Estado español.

En comparación co mes anterior, en abril o IPC ficou estábel, mentres que no que vai de ano os prezos incrementáronse xa 3,7%. A nivel estatal, a inflación baixou 0,2% en abril en relación ao mes anterior e recortou a súa taxa interanual 1,5 puntos, até 8,3%, sempre segundo os datos definitivos difundidos polo INE.

Estas cifras melloran os datos adiantados polo organismo a finais do mes pasado, que apuntaban unha inflación interanual de 8,4% en abril e unha taxa mensual de -0,1%. A pesar de que o IPC segue en niveis inusualmente elevados, este indicador non baixaba tanto nun só mes desde hai máis de 35 anos, concretamente desde xaneiro de 1987.

O de abril é, aliás, o primeiro descenso que experimenta a inflación logo de dous meses de fortes ascensos, que levaron o IPC a situarse en marzo en 9,8%, a súa taxa máis alta en case 37 anos.

Vivenda e transporte, á alza

Segundo Estatística, a leve moderación do IPC interanual até 9,1% na Galiza débese, principalmente, aos descensos dos prezos da electricidade e os carburantes para vehículos persoais.

Porén, os prezos dos alimentos rexistraron en abril unha taxa interanual de 9,4% no país, máis de tres puntos superior á de marzo, pola suba xeneralizada da maioría dos seus compoñentes, destacando o encarecemento da carne, o pan e os cereais, os legumes e hortalizas, e o leite, o queixo e os ovos.

Tamén subiron en abril de forma considerábel os prezos da vestimenta (+11,3%), cuxa taxa interanual fica en 3,3%. Aliás, o transporte é 13,4% máis caro que en abril de 2021, mentres a vivenda experimentou unha repunta de 23,4%, case cinco puntos máis que no conxunto do Estado.

Feixoo critica a inflación malia ser máis alta na Galiza

Pola súa parte, o presidente do PP estatal, Alberto Núñez Feixoo, apuntou esta sexta feira que a "altísima" inflación que hai no Estado español evidencia que "as medidas anticrise" impulsadas polo Goberno de Pedro Sánchez "non deron resultado no primeiro mes", se ben o dato estatal (8,3%) é inferior ao da Galiza (9,1%) cando Feixoo era aínda presidente da Xunta.

Comentarios