A compravenda de vivendas sobe 7% na Galiza, cinco puntos menos que a media estatal

A práctica totalidade, 1.321, eran fogares de segunda man, e as 245 eran vivendas de nova construción.
Bloque de vivendas en Compostela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Vivendas en Compostela xunto a unha inmobiliaria. (Foto: Nós Diario)

Segundo a Estatística de Transmisións de Dereitos da Propiedade (ETDP) de abril de 2022, publicada esta segunda feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE), a compravenda de vivendas medrou na Galiza 7% en comparanza co mesmo período do ano anterior.

Así, en abril rexistráronse no país 1.666 contratos de transmisión de vivendas, o que supón 77 por cada 100.000 habitantes, a proporción máis baixa do Estado español, cunha media de 126 compravendas por cada 100.000 habitantes.

Do total de vivendas, a práctica totalidade (1.585) eran libres, mentres 81 gozaban do réxime de protección. Aliás, 1.321 eran fogares de segunda man e os 245 restantes vivendas novas.

A maiores, neste período transmitíronse 27 vivendas polo réxime de doazóns, sete por permuta, 812 por herdanza e 788 por outras causas.

Aliás, vendéronse 6.151 predios urbanos —dos cales 3.182 foron por compravenda, 56 por doazón, 14 por permuta, 1.395 por herdanza e 1.504 por outros motivos.

Datos estatais

No conxunto do Estado español, a compravenda de vivendas rexistrou un incremento anual de 11,9%, case cinco puntos por riba do dato galego.

Así, fica á cabeza Illes Balears, cunha repunta de 33,3%, seguida de Canarias, con 31%. No extremo oposto están Madrid (-2,7%) e A Rioxa (-9,9%).

Comentarios