Autobuses rodearán a Xunta polas concesións do transporte

Galibus, entidade que agrupa máis de 20 empresas de transporte de persoas viaxeiras por estrada de toda a Galiza, mobilizarase para exixir á Xunta “inspección e control” nas concesións do servizo de transporte escolar e para demandar a “exclusión daquelas empresas que están incumprindo as condicións do contrato”.

Vehículo de Monbus (Foto: Nós Diario).
photo_camera Autobus da compañía Monbus. (Foto: Europa Press).

A protesta estaba prevista para esta terza feira ás 10 horas, partindo da zona de Samil, en Vigo, dirixíndose posteriormente a caravana de autobuses a Santiago de Compostela, onde tiña previsto chegar ás 11 da maña para rodear a sede do Goberno galego en San Caetano. Porén, debido ao "solapamento" desta concentración coa do sector do transporte de mercadorías, fontes da entidade convocante advirten do adiamento desta acción reivindicativa, aínda sen unha nova data.

Segundo sinala a Nós Diario un dos voceiros de Galibus, Fernando García, “a mobilización é a única alternativa que nos deixa a Administración galega tras non atender as queixas que lle fixemos chegar por escrito nos últimos meses”.

García denuncia que “a Xunta está permitindo o incumprimento flagrante das condicións de contrato fixadas nas diferentes concesións do transporte escolar” e critica que o Goberno empregue “dúas varas de medir, unha para as UTE (Unión temporal de Empresas) do grupo Monbus e outra para o resto das empresas”.

O voceiro de Galibus advirte dun “claro trato de favor da Xunta” a Monbus. “O grupo Monbus non reúne os requirimentos de aptitude exixíbeis para resultar adxudicatario dos 167 contratos indicados sempre que non dispón do número de vehículos mínimo exixidos nos pregos que rexeron os procesos de contratación”, afirma o vicepresidente de Galibus, quen considera que esta compañía “está incumprindo de modo reiterado as condicións contractuais marcadas nas concesións”.

As concesións do transporte por estrada xa teñen chegado aos tribunais de xustiza. Así, nunha demanda presentada na xurisdición do penal pola Asociación Empresarial de Transportes de Viaxeiros por Estrada da Galiza afírmase que “existe conivencia entre  Iplan e o grupo Monbus, co aparente consentimento da Xunta da Galiza, tendo o citado grupo acceso a todas aquelas melloras proposta por Faibus [UTE do grupo Monbus], coñecedor da concesión mellor que ningún outro, por explotala durante anos como concesionario e por tanto quen entendía que as melloras propostas eran enormemente beneficiosas para os usuarios”.

Os xuristas da UTE Vigbus e da Asociación Empresarial de Transportes de Viaxeiros por Estrada da Galiza critican a actitude  da Xunta e das empresas nos procedementos de adxudicación.

Así, sinalan na súa querela que “existen vinculacións entre Tema Ingenieria, SL e o grupo Monbus. O grupo coñecía de antemán as condicións da licitación, o que o colocou nunha situación privilexiada para preparar as UTE e cumprir -ou tentar cumprir- os requirimentos dos PPT [Pregos de Prescricións Técnicas]”.

“Todos os indicios levan a concluír que se adaptaron concursos ás conveniencias da organización do grupo Monbus, mediante un concerto de vontades con persoas de Tema e Iplan na elaboración das condicións de contratación. Téndese a beneficiar as empresas do grupo Monbus, existen evidencias de non só un coñecemento anticipado e privilexiado das condicións do concurso, senón tamén da adaptación das mesmas á súa conveniencia”, recolle a denuncia.

*Noticia actualizada ás 13.52 horas

Comentarios