Acusan Monbus de incumprir os contratos públicos

O sector do transporte acusa a Xunta de "conivencia" con Monbus

As queixas polo funcionamento do servizo de transporte por estrada sucédense en toda Galiza. Asociacións de usuarios, plataformas veciñais, empresarios e sindicatos culpan a Monbus de incumprir os compromisos asumidos nas ofertas dos concursos coa conivencia da Xunta da Galiza.

Protesta Monbus
photo_camera Concentración en Ferrol contra os retallos nos servizos de transporte, o pasado mes de febreiro.(Foto:@acarvaz)

As comarcas de Ferrolterra e As Mariñas lideran as mobilizacións polos retallos nos servizos de transporte público. Neste sentido, desde a Plataforma por un Transporte Digno en Ferrol apostan por repor as frecuencias e percorridos vixentes até decembro do ano 2020, cando unha unión temporal de empresas (UTE) liderada polo grupo Monbus asumiu a maior parte das liñas da comarca de Ferrolterra. A este respecto, o colectivo denuncia que estudantes, traballadores ou doentes que acoden aos centros sanitarios son os máis afectados.

Juanjo Ruíz Varela responsabiliza directamente desta situación a Xunta da Galiza por non facer cumprir a Monbus co disposto nos pregos da concesión. Ruíz Varela, destacado especialista e consultor en transporte e mobilidade, asesor en tempos da Xunta da Galiza e consultor de diversas entidades sinala a Nós Diario que "o certo é que Monbus leva desde o mes de abril até hoxe mesmo incumprindo o contrato, ao reducir unilateralmente a oferta, co amparo da Xunta da Galiza".

"A responsabilidade da Xunta neste problema é absoluta. A  concesión é dela e ten a obriga de facer cumprir os termos do contrato concesional. Para iso ten unha Subdirección de Inspección na Dirección Xeral de Mobilidade e o Sistema de Axuda Explotación (SAE)", sinala Ruíz Varela, quen lembra que "todas as concesións teñen que estar conectadas ao SAE e eu supoño que esta liña está conectada. Si non está conectada, malo, pero si está conectada, peor aínda, xa que nese caso a Xunta non pode dicir que descoñece o incumprimento de Monbus". En todo caso, a Xunta da Galiza "permite a Monbus incumprir contratos de transporte", denuncia.

"Monbus incumpre as súas obrigas na liña Ferrol-A Coruña"

Aliás, Ruíz Varela destaca que nos días laborábeis "Monbus oferta 12 servizos menos que o mínimo que ten que cumprir segundo se comprometeu na adxudicación". A data de hoxe "Monbus incumpre as súas obrigas na liña Ferrol-A Coruña no aspecto económico máis importante, que é o dos quilómetros percorridos", salienta o consultor, considerando "inaceptábel que a Consellaría de Transporte apareza coma mediadora entre os Concellos e o concesionario, eludindo a súa responsabilidade", conclúe.

A oferta dun número inferior de servizos aos obrigados polo contrato coa Xunta da Galiza non é o único incumprimento do que culpan á compañía. Así, o responsábel do sector do transporte da CIG, Xesús Pastoriza, comenta a Nós Diario  que "a concesionaria da liña Ferrol A Coruña comprometeuse na súa oferta para gañar o concurso a manter con contrato fixo a totalidade dos choferes e dos acompañantes no transporte escolar mais a realidade e que manteñen condutores a tempo parcial e mesmos algúns contratados mediante Empresas de Traballo Temporal (ETT)".

"Monbus non conta con autobuses suficientes para prestar o servizo nesta liña e está precarizando as condicións de traballo como temos denunciado na Xunta", significa Pastoriza, quen denuncia que "estamos camiñando a un monopolio no sector do transporte, con Monbus controlando practicamente dous terzos do trasporte regular e a metade do escolar". Na mesma liña, critica a conivencia entre a empresa e o Goberno galego e non dubida en sinalar que "na política de mobilidade na Galiza manda Monbus, coas Consellarías de Transporte e Educación tapando a súa actuación".

"Non ten a día de hoxe vehículos adscritos"

A historia do acontecido nas comarcas da Coruña, Ferrol e As Mariñas repítese co grupo Monbus noutras partes da Galiza. Así, outras empresas do sector teñen denunciado a falla de medios materiais para levar adiante os servizos ofertados, até o punto de non adscribir ningún vehículo a algunha concesión. Sen ir máis lonxe, o xefe de servizo de Mobilidade da Delegación da Coruña sinala que a empresa adxudicataria da liña de Santiago-Padrón "non ten a día de hoxe vehículos adscritos á prestación do citado contrato".

O xefe da sección III do servizo de Mobilidade de Pontevedra da Consellaría de Transportes e Infraestruturas certifica un caso análogo para a liña do Condado Paradanta. O 3 de setembro de 2021, practicamente un ano despois da adxudicación da concesión desa zona, sinala que "a data de hoxe non figura ningún vehículo adscrito ao contrato XG88, sur da comarca da Paradanta e centro do Condado". Neste caso, o grupo Monbus tamén resultou beneficiado.

O directivo da empresa Melytour, Fernando García, denuncia que Monbus emprega os mesmos vehículos "en dúas concesións que se desenvolven en territorios moi distantes, o que impide, de forma evidente, que se poida compaxinar a prestación de servizos para un e outro lote".

Protesta contra a Xunta e Monbus

A Confederación Intersindical Galega (CIG) ten convocada unha concentración para esta mañá, ás 11 horas diante do edificio da Xunta na Coruña para "denunciar a precarización laboral que está a sufrir o persoal do servizo de acompañantes do transporte escolar e os reiterados incumprimentos dos pregos por parte grupo Monbus".

Segundo sinala a Nós Diario, o responsábel do sector do transporte da CIG, Xesús Pastoriza, "coa protesta tamén se quere esixir á Xunta de Galiza que abandone a súa postura de permisividade con esta empresa e adopte medidas de inmediato para obrigar a Monbus a respectar as condicións laborais do persoal e a dispor dos medios necesarios para dar un servizo adecuado e en condicións de seguridade".

A convocatoria conta co apoio de entidades afectadas polos recortes nas comarcas da Coruña, Ferrol e As Mariñas

Comentarios