Acusan o Goberno galego de favorecer Monbus

As adxudicacións da Xunta da Galiza a favor de Monbus chegan ao xulgado

O grupo Monbus é o gran beneficiado das concesións de transporte por estrada outorgadas pola Xunta da Galiza. As queixas de trato de favor á compañía chegan desde o ámbito sindical e desde outras empresas do sector. O seu primeiro accionista, Raúl López, enviou agasallos a Feixoo entre 2006 e 2013.

Raúl Monbus
photo_camera O principal accionista de Monbus, Raúl López. (Foto:Europa Press).

Monbus é o xigante galego do transporte por estrada. O accionista maioritario da compañía é o empresario lugués, Raúl López, mentres Abanca controla 33,9% do seu capital. Asemade, o grupo está formado por ducias de sociedades, con presenza na Galiza e no resto do Estado, situándose á fronte delas o propio López ou persoas do seu círculo familiar.

O sector do transporte por estrada dá unha mudanza na Galiza á volta de 2017. Neste sentido, o responsábel do sector do transporte da CIG, Xesús Pastoriza, retrotrae "as causas da actual situación ao ano 2017, cando a Xunta de Galiza comezou unha profunda transformación do transporte de viaxeiras e viaxeiros en autobús que culminou cos contratos e novas adxudicacións dos anos 2019 e 2020".

Pastoriza lembra que "se convocou en 2017 unha folga contra estes novos contratos e pola mellora dos convenios colectivos do persoal". "O tempo demostrou que era completamente acertada", afirma o sindicalista, que considera que "o sistema anterior necesitaba reformas pero funcionaba relativamente ben", "o actual funciona moito peor" porque "só favorece converter o sector nun monopolio dirixido a capricho".

O grupo empresarial de Raúl López é o gran favorecido deste sistema. Así, no concurso de 2019 Monbus foi adxudicataria de 52 lotes de transporte regular por estrada, en 2020 de 88 lotes de transporte regular por estrada, conseguindo en 2021 unha parte importante das liñas de transporte escolar. A este respecto, o vicepresidente de Galibus, unha entidade empresarial que agrupa a pequenas compañías de toda Galiza, Fernando García sinala a Nós Diario que "Monbus foi adxudicatario de 167 contratos desde 2019".

"O grupo Monbus non reúne os requisitos"

García advirte dun "claro trato de favor da Administración galega" a Monbus. "O grupo Monbus non reúne os requisitos de aptitude exixíbeis para resultar adxudicatario dos 167 contratos indicados xa que non dispón do número de vehículos mínimo exixidos nos pregos que rexeron os procesos de contratación", afirma o vicepresidente de Galibus, quen considera que esta compañía está incumprindo de modo reiterado as condicións contractuais marcadas nas concesións.

O resultado final dos concursos desenvolvidos nos últimos tres anos avanzan na idea do formulado por Fernando García. Así, a Asociación Empresarial de Transportes de Viaxeiros por Estrada da Galiza ten denunciado que "na licitación de 2019, a Monbus concédenselle 41 lotes dos 41 aos que se presenta na primeira fase cun valor estimado  de máis de 285 millóns de euros". Asemade, "ao grupo Monbus-Socitransa" concédelle "52 lotes por valor de mais de 418 millóns" .

"Na segunda fase, ao grupo Monbus concédenselle 18 lotes por un valor estimado superior a 423 millóns de euros, e en unión con Socitransa e ALSA (que na primeira fase foi por si soa), 70 lotes por valor superior a 841 millóns de euros", continúa a Asociación Empresarial de Transportes de Viaxeiros por Estrada da Galiza, que ten rexistrada unha demanda por estes feitos.

O concurso de  transporte escolar  2021

O concurso de  adxudicación do transporte escolar de 2021 responde a unha lóxica semellante. A Asociación Empresarial de Transportes de Viaxeiros por Estrada da Galiza non dubida en cualificar de "novo atropelo" o procedemento do contrato das rotas de transporte escolar para 424 centros de ensino público da Galiza promovido pola Consellaría de Educación. Asemade, sinala que "casualmente", do mesmo modo que sucedería noutros procesos de licitación, tamén na oferta pública convocada por esta Consellaría, o grupo Monbus sae claramente "beneficiado nos resultados".

Monbus, mediante a fórmula de unión temporal de empresas (UTE), concorre a 37 dos 57 lotes ofertados desde a Consellaría de Cultura, Educación e Universidade da Xunta da Galiza, o que supón unha participación en máis de 65% dos lotes que integran a referida oferta pública, cuxa contía total ascende á cantidade de 138.816.730,73 euros. Segundo os responsábeis da Asociación Empresarial de Transportes de Viaxeiros por Estrada da Galiza, o proceso "traduciuse nuns resultados inmellorábeis, isto é, o grupo Monbus no devandito proceso é proposto como adxudicatario en 27 dos 37 lotes aos que concorre, unha porcentaxe de éxito de case  80% que, traducido en cifras equivale á nada desdeñábel cantidade de 86.027.900,43 euros".

A Asociación Empresarial de Transportes de Viaxeiros por Estrada da Galiza sinala que o grupo empresarial de Raúl López controla xa case 75% do transporte escolar da Galiza.

Os agasallos de Raul López a Núñez Feixoo

As relacións de Raul López con Alberto Núñez Feixoo non son descoñecidas para a xustiza. Así, no marco do caso Condor, unha operación xudicial dirixida pola xuíza de Lugo, Pilar de Lara, contra o máximo accionista do grupo Monbus ficaron documentados diversos agasallos deste ao presidente galego, Alberto Núñez Feixoo.

Segundo se sinala nun informe recollido na causa elaborado pola Axencia Tributaria, en 2008 Raul Lopez remitiu a Núñez Feixoo durante o Nadal unha caixa de 11 quilos de peso probabelmente con viño. O ano seguinte, cando xa estaba á fronte do Goberno galego, recibiu outra caixa dun peso algo inferior e o 21 de decembro de 2010 un lote con catro botellas de Vega Sicilia Único valorado en 670 euros. O valor dos agasallados enviados nos tres anos seguintes ascendeu a 1.711 euros.

Comentarios