Denuncian "conivencia entre Iplan e Monbus"

As conexións políticas do grupo Monbus

As dúbidas sobre as adxudicacións do servizo de transporte pola Xunta veñen de ser denunciadas en diferentes xulgados desde diversos sectores. Unha peza chave nos procedementos son as entidades subcontratadas pola Xunta para realizar eses traballos. Monbus é a grande beneficiada das súas resolucións.

Raul
photo_camera Alberto Núñez, Raul López, José Ramón Lete e o ex concelleiro do PP en Compostela Adrián Varela. (Foto:Nós Diario).

O Goberno galego ten externalizado todo o proceso de contratación e adxudicación das liñas de transporte regular e escolar. Os traballos de redacción de pregos, de apoio e baremación de numerosos concursos realízaos a sociedade Iplan Mobilidad, que asesorou á Dirección  Xeral de  Mobilidade da  Consellaría de Infraestruturas da Xunta de Galicia, entre os anos 2017 e 2020, en relación ás concesións de transporte público por estrada, algunhas das cales están a ser obxecto de investigación xudicial.

Iplan Mobilidad é unha compañía constituída en 2013, cuxo obxecto social é a “prestación de servizos de elaboración e desenvolvemento de informes, estudos, proxectos e consultoría sobre mobilidade”, posuíndo desde 2015 a metade do seu capital Tema Grupo Consultor, unha empresa cuns obxectivos análogos participada a 50% pola propia Iplan Mobilidad. Os administradores das dúas compañías son Antonio Jesús Bejarano Vicario e Guillermo Maldonado Riesgo.

Bejarano Vicario e Maldonado Riesgo ocupan idénticas responsabilidades en Ticmoveo SL, sociedade con sede en Valencia, fundada en 2019, após coñecerse que a Administración privatizaría a creación dun programa para controlar os quilómetros e os pagos de prazas de transporte escolar. Precisamente, un operario desta empresa, Alberto L.C. traballou no grupo Monbus entre agosto de 2018 e novembro de 2019. Outro tanto acontece con outro empregado do grupo, neste caso de Tema grupo consultor, Luís Manuel R.R., traballador de Monbus desde febreiro de 2019 até xuño de 2020.

"Vinculacións entre Tema Ingenieria e Monbus"

Os xuristas da Unión Temporal de Empresas (UTE) VIGBUS e da Asociación Empresarial de Transportes de Viaxeiros por Estrada da Galiza teñen denunciado diante dos tribunais a actitude destas tres empresas nos procedementos de adxudicación. Así, sinalan na súa demanda que “existen vinculacións entre Tema Ingenieria, SL e o grupo Monbus. O grupo coñecía de  antemán as condicións da licitación, o que lle colocou nunha situación privilexiada para preparar as UTE e cumprir -ou tentar cumprir- os requirimentos do PPT [prego de prescricións técnicas]”.

“Todos os indicios levan a concluír que se adaptaron concursos ás conveniencias da organización do grupo Monbus, mediante un concerto de vontades con persoas de Tema e Iplan na elaboración das condicións de contratación. Téndese a beneficiar as empresas do grupo Monbus, existen evidencias de non só un coñecemento anticipado e privilexiado das condicións do concurso senón tamén da adaptación das mesmas á súa conveniencia”, recolle a denuncia.

As demandas xudiciais

A demanda pola xurisdición do penal presentada pola Asociación Empresarial de Transportes de Viaxeiros por Estrada da Galiza afirma que “existe conivencia entre Iplan e o grupo Monbus, co aparente consentimento da Xunta da Galiza, tendo o citado grupo acceso a todas aquelas melloras proposta por FAIBUS, coñecedor da concesión mellor que ningún outro, por explotala durante anos como concesionario e por tanto quen entendía que as melloras propostas eran enormemente beneficiosas para os usuarios”.

Unha parte dos empresarios do sector do transporte veñen denunciando desde hai tempo o suposto trato de favor ao grupo Monbus por parte da Xunta da Galiza. A este respecto, denuncian que “resulta sorprendente que dúas das empresas do grupo Monbus estean a ser financiadas con fondos públicos, pois de acordo co Informe de Auditoría de  SODIGA Galiza, Sociedade de Capital Risco S.A, dependente de  XES Galiza, consta que no ano 2018 existe un préstamo a Hispano Igualadina SL de cinco millóns de euros e outro ao grupo de Autocares Monbus SL de dous millóns trescentos sesenta mil euros”. Curiosamente, a primeira das compañías do grupo Monbus non desenvolve a súa actividade na Galiza, estando a súa sede social en Catalunya.

As conexións políticas e empresarias do presidente da compañía, Raúl López, explican en opinións de diversas fontes consultadas por Nós Diario boa parte do éxito do grupo. A este respecto, no marco da operación Condor certificáronse agasallos de López a dirixentes do PP como Alberto Núñez Feixoo, José Manuel Barreiro ou Pilar Rojo e a cadros socialistas como o ministro de Fomento con Zapatero, José Blanco, ou a responsábeis de diversos organismos autónomos dese ministerio que contrataban con empresas do grupo Monbus.

Abanca, o socio necesario de Monbus

Abanca é propietaria de 33,9% do capital grupo Monbus. A participación, procedente dun paquete de accións comprado no seu momento pola Caixa Nova de Julio Fernández Gayoso, non é precisamente residual. Por iso, a entidade de crédito de Escotet ten un papel moi activo na súa xestión diaria.

Comentarios