A suba de prezos na zona euro alcanza un novo récord superando por primeira vez a barreira de 9%

O cesto da compra encareceu no Estado español, cos alimentos, que soben aínda máis na Galiza, á cabeza da alza.
A proporción de persoas que estudan e traballan ao mesmo tempo incrementouse desde 11% a 16,4% en tan só dous anos (Foto: Nós Diario).
photo_camera A proporción de persoas que estudan e traballan ao mesmo tempo incrementouse desde 11% a 16,4% en tan só dous anos (Foto: Nós Diario).

A taxa de inflación interanual da zona euro situouse en agosto en 9,1%, fronte á cifra de 8,9% rexistrada en xullo, no que supón o maior encarecemento dos prezos na rexión do euro de toda a serie histórica e máis de catro veces a meta de estabilidade de prezos de 2% do Banco Central Europeo (BCE), cuxo Consello de Goberno volverá reunirse a semana que vén.

Segundo os datos preliminares publicados por Eurostat, a escalada dos prezos da zona euro intensificouse en agosto, a pesar de que a suba interanual do prezo da enerxía desacelerouse a 38,3% desde a cifra de 39,6% de xullo, mentres que o incremento do prezo dos alimentos frescos foi de 10,9%, cando no mes de xullo fora de 11,1%.

Con todo, os servizos encarecéronse 3,8% interanual en agosto, unha décima máis que o mes anterior, mentres que os prezos dos bens industriais non enerxéticos subiron 5%, fronte a cifra de 4,5% do mes anterior.

Ao excluír do cálculo o impacto da enerxía, a taxa de inflación interanual da zona euro situouse en agosto en 5,8%, fronte á porcentaxe de 5,4% do mes anterior, mentres que ao deixar fóra tamén o efecto dos prezos dos alimentos frescos, o alcol e o tabaco, a taxa de inflación subxacente escalou a unha marca de 4,3%, tres décimas máis que no mes de xullo.

En agosto, nove dos dezanove Estados da zona euro rexistraron taxas de inflación de dobre díxito, coas maiores subas de prezos en Estonia (25,2%), Lituania (21,1%) e Letonia (20,8%), mentres que os incrementos de menos intensidade observáronse en Francia (6,5%), Malta (7,1%) e Finlandia (7,6%).

No caso do Estado español, a taxa de inflación harmonizada situouse en agosto en 10,3%, fronte á cifra de 10,7% de xullo, o que reduce a 1,2 puntos porcentuais o diferencial de prezos desfavorábel respecto da media da eurozona. Unha cifra que á espera dos datos de agosto, espérase que sexa aínda máis grande no caso galego, que experimentou en xullo unha suba de prezos de 11,5%.

Incremento na cesta da compra no Estado español

Neste contexto inflacionista na zona euro, a cesta da compra no Estado español aumentou 11,8% no mes de xullo respecto ao mesmo mes de 2021, até alcanzar os 5.889 millóns de euros, tras rexistrarse unha subida nos prezos de 9,8%, segundo os últimos datos publicados esta cuarta feira por NielsenIQ. A alimentación foi o segmento que rexistrou o maior desembolso cun crecemento de 12,5%, cunha suba aínda maior na Galiza, que alcanzou 12,8%.

O Euríbor alcanza niveis máximos desde 2012

O Consello de Goberno do Banco Central Europeo (BCE), que decidiu na súa última reunión, celebrada o pasado 21 de xullo, subir os tipos de xuro en 50 puntos básicos, volverá reunirse o próximo 8 de setembro coa incerteza sobre se repetirá outra suba de medio punto porcentual ou mesmo será máis agresivo cunha alza de 0,75%.

Unha incerteza monetaria que está provocando que o Euríbor, o índice que serve de referencia para a maioría de préstamos hipotecarios a tipo variábel no Estado español, fechara agosto cunha media mensual de 1,25%, o que lle levou a alcanzar o seu maior nivel desde maio de 2012, cando rexistrou unha media mensual do 1,266%, e a presentar unha forte suba con respecto a xullo, cando fechou en 0,992%, adiantándose á suba de tipos de xuro que o BCE podería aplicar a semana que vén.

Comentarios