Galiza lidera o incremento dos salarios no Estado en 2022 cunha suba de 5,7%

A revalorización salarial na Galiza no primeiro semestre de 2022 situouse en 5,7%, 3,2 puntos máis que no Estado español. A Galiza e Euskal Herria lideraron os incrementos salariais no Estado, ao mesmo tempo, son os dous territorios con maior mobilización social e contan cunha forte e consolidada organización sindical.
Mobilización en Vigo en febreiro deste ano durante a negociación do convenio da conserva. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Mobilización en Vigo en febreiro deste ano durante a negociación do convenio da conserva. (Foto: Nós Diario)

O Consello Galego de Relacións Laborais vén de sinalar que a revalorización salarial na Galiza situouse en 2022 en 5,7%. Segundo se recolle no Observatorio da Negociación Colectiva, “o incremento salarial pactado nos convenios asinados e revisados na Galiza foi de 5,7%”. Porén, nos convenios de ámbito estatal de aplicación no país “o incremento salarial pactado nestes convenios (media ponderada) foi de 1,89%”, significándose unha importante diferenza entre uns e outros.

Os convenios colectivos de ámbito estatal con aplicación na Galiza asinados ou revisados até xuño deste ano son 36 e afectan a 37.391 persoas traballadoras. 15 deles son de sector e 21 de empresa, recollendo cláusulas de revisión salarial  32% dos asinados e 45,45% dos revisados. A suba dos salarios é máis reducida que naqueles negociados e acordados na Galiza, coa excepción do convenio da conserva, que recolle as maiores alzas de todos os asinados no Estado.

A singularidade do convenio da conserva non se explica sen Galiza. A este respecto, o secretario de Negociación Colectiva da CIG, Francisco Sío, sinala a Nós Diario que “este convenio foi acordado a nivel de Estado, porén 80% das empresas son galegas, cun peso decisivo da CIG nas mesmas, o que permitiu darlle unha dimensión propia e mesmo convocar unha folga aquí. Os resultados están á vista: 8% de suba salarial e unha cláusula de garantía que fixa para o seguinte exercicio unha alza conforme ao Índice de Prezos do Consumo (IPC)”.

1.042 convenios colectivos

A Galiza conta con 1.042 convenios colectivos, vixentes ou prorrogados tacitamente, que dan cobertura  a 502.964 persoas traballadoras. 56 convenios, 43 asinados e 13 revisados, que afectan a 75.259 asalariados, negociáronse e acordáronse neste primeiro semestre na Galiza.

O boletín do Observatorio da Negociación Colectiva do mes de xuño indica que “destes  convenios, 9 son de sector e afectan a 63.428 persoas e 47 son de empresa (38 asinados e nove revisados) e afectan a 11.831 persoas traballadoras. Asináronse por primeira vez catro convenios de empresa que afectan a 169 persoas traballadoras. Recollen “pacto de ultraactividade”  81,58% dos convenios de sector asinados e  60% dos de empresa”.

A diferenza entre o incremento salarial dos convenios negociados na Galiza e dos acordados en Madrid non sorprenden a Francisco Sío. "Isto foi resultado da mobilización”, afirma Sío, que se amosa convencido que “a mobilización non é un fin en si mesmo pero sen mobilización na rúa non hai convenio bo”.

A responsábel de Emprego de Comisións Obreiras, Maica Bouza, explica esta diferenza a Nós Diario sinalando que “está habendo intensos procesos de mobilización e chegándose a acordos significativos, como aconteceu co metal e o comercio na Coruña, após procesos longos de protestas”. Bouza sinala que "quedan aínda moitos convenios por negociar” e apunta que “segue habendo unha fenda de case seis puntos entre as subas salariais e a inflación polo que urxen medidas para acabar con esta fenda”.

A Galiza, Euskadi e Nafarroa rexistraron as subas salariais máis elevadas do Estado. Mentres a revalorización salarial no conxunto estatal ficou en 2,5%, na Galiza chegou a 5,7% e en Euskadi alcanzou 5%, após a sinatura dos convenios sectoriais do metal en Guipuzkoa e da construción en Bizkaia cunha alza de 6,5%, tras un duro conflito laboral e un forte proceso de mobilización social. Nesta liña, Francisco Sio, sinala que “a Galiza, Euskadi e Nafarroa partillan unha singularidade no marco laboral que é contar cun sindicalismo nacionalista hexemónico nos seus respectivos territorios”.

A alza da inflación

A alza da inflación na Galiza, superior á media do Estado, representou unha perda de poder adquisitivo de 5,3 puntos para os traballadores galegos, 1 punto por baixo da media estatal. Porén, a revalorización salarial na Galiza estivo, tamén, por encima daqueles territorios onde subiron máis os prezos, como Castela-A Mancha, cun IPC de 13,2% e unha alza salarial de 1,99%; ou Castela e León, cunha inflación de 12% e un incremento das retribucións de 2,1%.

A Galiza e Euskadi lideran a mobilización

A Galiza é o segundo territorio do Estado con máis mobilización social. O propio Ministerio de Traballo sinala que após Euskadi, o galego é o país onde se desenvolven máis xornadas de folga ao ano e dunha duración máis longa. Neste sentido, enténdese mellor a realidade laboral e as subas salariais.

Comentarios