Estas son as medidas que hoxe aproba o Goberno español para o aforro enerxético

"Aforrar enerxía é unha tarefa de todos e é prioritario", precisou o presidente, Pedro Sánchez.
A calefacción non poderá superar os 19 graos de temperatura en oficinas, transporte público e edificios da Administración. (Foto: Guillem de Balanzó) #calefacción #termostato #temperatura #radiador #calefactor #calor #enerxía #luz #aforro #aforroenerxético
photo_camera A calefacción non poderá superar os 19 graos de temperatura en oficinas, transporte público e edificios da Administración. (Foto: Guillem de Balanzó)

O Goberno estatal aprobará esta segunda feira un paquete de medidas urxentes para a eficiencia e o aforro enerxético, segundo anunciou en rolda de prensa na pasada sexta o presidente, Pedro Sánchez, que non concretou as medidas mais asegurou que non suporán "recortes" na subministración para as familias e a industria, apuntando tamén que serán "beneficiosas", xa que se traducirán en "aforros na factura da luz e na competitividade da industria".

En concreto, o decreto de medidas de aforro enerxético que ten previsto aprobar o Executivo estende as normas de temperatura que xa se aplican nos organismos da Administración ao transporte público, centros de traballo, comercios e negocios de atención presencial.

A normativa estabelece que a temperatura do ar acondicionado no verán non poderá ser de menos de 27 graos, mentres que a calefacción non poderá superar os 19 graos. Estas propostas foron xa debatidas entre os ministerios implicados —liderados polo de Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico— e "co sector privado e os grupos parlamentarios", precisou Sánchez.

"Aforrar enerxía é unha tarefa de todos e é prioritario", dixo o presidente do Goberno español, salientando que reducir a factura enerxética contribúe a "reducir a dependencia do agresor Putin e a dobregar a curva da inflación". Está previsto que a medida entre en vigor de forma inmediata, mais terá que ser validada polo Congreso nun máximo de 30 días ao tratarse dun decreto.

Reforma do mercado eléctrico

Por outra parte, Sánchez anunciou tamén que o Estado español levará a Bruxelas, o próximo mes de setembro, dúas propostas para reformar o mercado eléctrico: unha para desacoplar o prezo do gas do da electricidade e, aliás, unha nova intervención do mercado enerxético para pór un límite ao prezo das emisións de CO2.

O presidente asegurou que estas dúas medidas "van axudar a dobregar a curva da inflación e van axudar a España e ás súas empresas e industrias, mais tamén a Europa".

A respecto a a reforma do mercado eléctrico, medida na que o Goberno español vén insistindo nas últimas semanas a Bruxelas, Sánchez considerou que agora pode ser o momento para abordala, xa que a Comisión Europea está aberta agora a un "debate que negaba até hai pouco". "Esperamos que esta sexa a boa, polo ben de España e de Europa", dixo.

Sánchez insistiu en que "España é un país solidario", como se demostrou na reunión dos ministros e ministras de Enerxía desta semana en Bruxelas para abordar as posíbeis limitacións no consumo de gas para este inverno, mais subliñou que o Goberno vai facer o necesario para "protexer as familias, as empresas e a senda de crecemento económico na que imos avanzando".

Comentarios