O Executivo estatal regulará o uso do aire acondicionado e da calefacción nas empresas

Prevese que as medidas inclúan tamén o impulso de instalacións fotovoltaicas para autoconsumo en edificios, que poderían contar con subvencións.
As medidas non afectarán, polo de agora, aos fogares. (Foto: Nós Diario)
photo_camera As medidas non afectarán, polo de agora, aos fogares. (Foto: Nós Diario)

Comezan a coñecerse as primeiras medidas que o Goberno español aprobará esta segunda feira no Consello de Ministros e Ministras. O Executivo estatal instará a empresas, oficinas, negocios, centros comerciais e transportes a controlar as condicións de temperatura para fomentar o aforro enerxético.

O obxectivo é que no verán os aires acondicionados de locais, estabelecementos e transportes non estean por debaixo dos 27 graos centígrados, mentres que no inverno os sistemas de calefacción non deberían superar os 19 graos, segundo informaron a Europa Press fontes coñecedoras das medidas.

Este primeiro paquete de medidas estará dirixido ao sector privado, pero non terá carácter coercitivo, e prevese que os fogares queden á marxe nunha primeira instancia.

O Goberno estatal tamén apelará a racionalizar os horarios de aceso e apagado das instalacións de climatización, ventilación, auga quente sanitaria, iluminación e equipamento ofimático dos edificios de oficinas, así como o resto dos equipos consumidores de enerxía.

Outras medidas

Prevese que as medidas inclúan tamén o impulso de instalacións fotovoltaicas para autoconsumo en edificios, que poderían contar con subvencións.

Cabe sinalar que esta sexta feira, a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) adaptou unha serie de iniciativas que simplifican os trámites para contratar o autoconsumo eléctrico no Estado español, co obxectivo de impulsar a entrada de enerxías renovábeis, a descarbonización da economía e a competencia no mercado retallista.

En concreto, o regulador simplificou os trámites administrativos relacionados coa contratación, facturación e reclamacións do autoconsumo de baixa potencia e colectivo.

Con vistas á racionalización do uso dos edificios, recomendaranse medidas que manteñan un nivel óptimo de ocupación dos inmóbeis.

Comentarios