O Executivo do Estado español incluirá as Administracións públicas no plan de aforro enerxético

O plan implicará medidas para o sector público de todos os niveis administrativos, afectando edificios como colexios e hospitais.
O presidente do Executivo do Estado español e secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, e a número dous do partido e ministra de Facenda, María Jesús Montero, durante a reunión da nova Executiva Federal do PSOE, na sexta feira (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera O presidente do Executivo do Estado español e secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, e a número dous do partido e ministra de Facenda, María Jesús Montero, durante a reunión da nova Executiva Federal do PSOE, na sexta feira (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

A ministra de Facenda e Función Pública do Estado español, María Jesús Montero, adiantou que o novo paquete de medidas urxentes para a eficiencia e o aforro enerxético, que se presentará a segunda feira en Consello de Ministros, incluirá as Administracións Públicas.

Así o anunciou no trancurso dunha entrevista, na que destacou a necesidade de ser máis eficiente nos edificios públicos como os hospitais e os centros de saúde ou os colexios, implicando a todos os niveis da Administración.

Sobre a posíbel repercusión dos novos impostos á banca e ás grandes enerxéticas aos clientes, Montero recalcou que "se prohibe que se vaia a trasladar o custo desa medida ao consumidor".

Neste sentido, asegurou que haberá sancións "moi importantes" que mesmo son do "150% do que teña saltado ou transgredido esa empresa cunha vixilancia moi estreita", explicou Montero.

Así, afirmou que "hai garantía para que os cidadáns non terminen pagando un custo que o que persegue é unha redistribución xusta da carga e dos esforzos que temos que soportar a sociedade, con motivo deste incremento da inflación".

Respecto da posición do Partido Popular sobre estes impostos, a ministra criticou que "é complicado entender por que o PP non defende este imposto": "o PP non termina de dicir cal vai ser o seu voto en relación con esa medida e por que sempre se ocupa máis dos intereses dunha minoría que dos intereses xerais do país".

"Non haberá cortes de subministración"

Ademais, Montero prometeu que "non haberá cortes de subministración ou recortes este outono", mais si van promover "un uso racional" da enerxía ou "ser capaces de ser máis austeros para que non haxa un uso excesivo de enerxía".

"Facer un uso lóxico dunha fonte de enerxía vai provocar aforro ás Administracións, ás economías domésticas e ao conxunto do país", engadiu. Así, sinalou a importancia de ser "autónomos estratexicamente".

Comentarios