O Goberno estatal exclúe os trens Avant da gratuidade dos bonos para traxectos de media distancia

O Ministerio de Transportes quere centrar os seus esforzos nos "desprazamentos diarios ao centro de traballo ou de estudos" e non cre que este servizo, que opera entre A Coruña, Compostela e Ourense, cumpra eses requisitos.
Tren Avant de Renfe. (Foto: Europa Press)
photo_camera Tren Avant de Renfe. (Foto: Europa Press)

Os trens de media distancia de alta velocidade, que circulan na Galiza baixo a marca Avant, quedarán excluídos da bonificación anunciada esta semana polo Goberno estatal para viaxar de balde en trens de media distancia desde setembro e até o remate do ano. Estes servizos operan entre A Coruña, Compostela e Ourense.

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana argumenta que estes servizos non estarán incluídos dadas as súas "especiais características" e porque a medida quere concentrar os seus efectos nos "desprazamentos diarios ao centro de traballo ou de estudos".

O Ministerio considera que os trens Avant non abranguen "desprazamentos diarios ao centro de traballo ou de estudos"

Con todo, os seus usuarios si poderán acollerse á bonificación de 50% que xa se anunciou con anterioridade para os billetes multiviaxe, que se unirá ao desconto de 30% que os concellos e comunidades autónomas poderán aplicar aos títulos multiviaxe de metro, tranvía ou autobús, coa axuda económica do Estado.

Pola súa parte, a media distancia convencional e os trens de proximidade si serán gratuítos, aínda que só se se viaxa con títulos multiviaxe, excluíndose así os billetes sinxelos ou de ida e volta e sendo necesario adquirir, por exemplo, un bono de dez viaxes.

Sexa como for, o Ministerio, organismo do que depende Renfe, xa está a traballar para definir esta medida, cuxo principal obxectivo é ofrecer viaxes gratis pero especialmente ás persoas que viaxan con frecuencia, razón pola que só se aplicará aos títulos multiviaxe.

Con este medida, o Goberno estatal cre que uns 75 millóns de viaxes serán beneficiadas, aínda que se espera que esta cifra sexa aínda maior polo 'efecto chamada' de persoas usuarias cara ao transporte público.

Críticas do BNG

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, subliñou que "cero galegos e galegas van beneficiarse da bonificación no caso do tren de proximidade, porque na Galiza non existe ese servizo". Aliás, considerou que este tipo de medidas "deben ser permanentes e non só estenderse até o 31 de decembro".

Comentarios