A planta de Altri, unha nova ameaza desde o Ulla para a ría de Arousa

A planta de viscosa valerase do caudal do Ulla, o segundo maior cauce fluvial da Galiza e o principal subministrador de auga doce e nutrientes á ría de Arousa.
A Galiza conta con máis de 600.000 hectáreas de plantación de eucaliptos. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A Galiza conta con máis de 600.000 hectáreas de plantación de eucaliptos. (Foto: Nós Diario)

O conselleiro delegado de Altri, José Soares, sinalou que hai moi poucas razóns polas que non poida saír adiante o proxecto da planta de viscosa en Palas de Rei. O que non indicou é o peso deses argumentos, entre os que figura o risco de afección sobre o río Ulla, un dos principais aportes de auga doce da ría de Arousa.

Igual que Ence argumentou no seu día que non había lugar na Galiza ao que trasladar a planta de celulosa pola falla de caudal suficiente, Altri, que desde colectivos ecoloxistas como Adega xa cualifican de "pasteira en B", escolleu Palas de Rei fronte A Mariña como emprazamento para a súa planta de fibras téxtiles entre outros motivos porque pode aproveitar o caudal do río Ulla ─a segunda conca máis extensa do país após o Miño─ para obter os case 500 millóns de metros cúbicos de auga que precisa. 

Porén, o uso dese caudal, que equivale ao que consumiría a poboación de Palas en máis de 3.200 anos, leva aparellados unha serie de riscos en forma de verteduras que, como sinala a Nós Diario o catedrático de Botánica da Universidade de Santiago de Compostela, Santiago Ortiz, "podería ter un efecto similar ao que tivo a planta de Ence nos bancos marisqueiros da ría de Pontevedra". 

Xunto a isto, Ortiz alerta do impacto do propio emprazamento, "moi próximo á serra do Careón" ─espazo rede natura─ e ao hábitat de especies endémicas que, como lembra, xa obrigaron a modificar o trazado do tramo Palas-Melide da autovía AG-64.

Nova ameaza para a ría

O catedrático da USC tamén argumenta que Altri "non pode xustificar que coller auga a mancheas non teña impactos no medio e que o risco de verteduras sexa cero". 

A este respecto, o presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), Xaquín Rubido, 'Xocas', advirte en declaracións a Nós Diario de que "unha presión máis sobre a ría é moi perigosa", e máis na "delicada" situación na que se atopa a de Arousa, cunha caída da produción por riba de 50% en determinadas especies. 

Neste senso, recoñece que o proxecto xera entre as mariscadoras e os mariscadores "unha alarma moi razoábel" pola "inxente" cantidade de auga que vai consumir do Ulla, que, como apunta, é un dos ríos que desembocan na ría e que tamén está ameazado pola extensión de empresas como Cortizo, en Padrón (o Sar é afluente do Ulla), e polo proxecto da mina de Touro. 

O presidente de PDRA tamén critica a campaña que a empresa, con impulso da Xunta, está a levar a cabo para promocionar un proxecto que aínda ten moito camiño administrativo por percorrer, aínda que parece que no Executivo galego hai présa. De feito, esta cuarta feira, o conselleiro de Economía, Francisco Conde, facía un chamamento unha "axilización administrativa" para o proxecto por parte de concellos e Goberno estatal.

Sobre o papel da Xunta, Rubido critica que a Administración galega leva anos "pasando" das advertencias que fan sobre a situación da ría e sen unha planificación para protexer o que hai. "Agora a Galiza ten que optar entre preservar unha ría senlleira en produtividade e en biodiversidade ecolóxica ou destinar os seus recursos a estragar todo iso e levantar fábricas", conclúe.

Feixoo matiza as cifras de emprego

Un dos puntos fortes do proxecto da planta de viscosa en Palas de Reis que Altri está a reivindicar no seu 'roadshow' pola Galiza é a xeración de emprego. Durante estes días, tanto a Xunta como a propia compañía destacaron que a planta crearía 2.500 empregos. 

Porén, en resposta a preguntas de Nós Diario após a reunión semanal do Consello da Xunta, o presidente galego en funcións, Alberto Núñez Feixoo, matizou que "unha cousa son os postos de traballo directos e outra os inducidos" e que por tanto non será a planta de Altri a que de por si xere eses 2.5000 postos. 

En concreto, Feixoo argumentou que "non é o mesmo proceso facer pasta de papel que fabricar téxtil" para explicar por que a planta de Altri en Portugal emprega 774 persoas para unha produción de un millón de toneladas, mentres que afirma que a compañía lusa creará 2.500 empregos na Galiza para unha produción catro veces inferior ─250.000 toneladas─.

Na rolda de prensa posterior ao Consello, Feixoo tamén foi inquirido polo impacto da planta no sector forestal. A este respecto, o titular do Executivo galego en funcións admitiu que "con Altri é evidente que a madeira vai subir de prezos", sen especificar como vai cubrir esa maior demanda de eucaliptos.

Comentarios