A planta de Altri perpetúa o cultivo de eucalipto na Galiza

Os eucaliptais nutrirán a planta de viscosa do grupo portugués Altri que a Xunta impulsa en Palas de Rei
Plantación de eucaliptos no Cádavo, en Baleira. (Foto: Europa Press)
photo_camera Plantación de eucaliptos no Cádavo, en Baleira. (Foto: Europa Press)

A Xunta e Altri continuaron onte coa xira para dar a coñecer o proxecto da planta de viscosa para fibras téxtiles, nesta ocasión ao sector forestal, que será un dos grandes beneficiarios dun proxecto que, como alertan economistas e ecoloxistas, está chamado a perpetuar a presenza do eucalipto no país.

De momento, o proxecto non iniciou a súa tramitación administrativa, mais a Xunta e Altri, co seu conselleiro delegado, Jose Soares, á cabeza, manteñen estes días unha intensa actividade para anunciar os beneficios da planta de viscosa que prevén levantar na localidade de Palas de Rei á calor dos fondos Next Generation. 

Onte foi ante o sector forestal, ao que o conselleiro de Economía, Francisco Conde, trasladou que a fábrica de fibras téxtiles será "un revulsivo" para a industria forestal" e suporá un importante impulso para o medio rural e para conseguir unha "xestión sostíbel" dos bosques e da silvicultura da Galiza.

Porén, son moitas as sombras  do plan da pasteira lusa, desde o número de empregos reais que vai crear, até o impacto no medio polo consumo de auga, ou a afección a especies endémicas na localización elixida que, como denunciaron esta semana varios colectivos ecoloxistas, formaba parte do proxecto de ampliación da Rede Natura.

Máis eucaliptización

Neste senso, Fins Eirexas, secretario técnico da asociación ecoloxista Adega, non dubida en cualificar a planta "dunha celulosa en B", xa que o proceso industrial é moi semellante ao de Ence, como semellante é tamén o impacto na biodiversidade e nas masas forestais galegas, advirte.

A este respecto, o representante de Adega recoñece a Nós Diario estar "seriamente preocupado" porque o proxecto "vai supor si ou si máis eucaliptización", independentemente do que aconteza con Ence, e pregúntase se o feito de que en Portugal haxa "unha moratoria de verdade" á plantación de eucalipto ten que ver coa elección da Galiza -onde a moratoria vence en 2025- para levantar a planta de fibras téxtiles.

En canto ao impacto ambiental, considera que se Bruxelas accede a financiar o proxecto, sería "pegarse un tiro no pé", xa que atenta contra a preservación de hábitats e especies que promove. 

Pendentes da moratoria

Pola súa parte, o economista Marcelino Fernández Mallo explica, en declaracións a este xornal, que se corre o perigo de caer "na mesma trampa" que con Ence, cando se trasladou a impresión ás persoas propietarias dos montes de que plantar eucalipto era a mellor opción, fechando así a porta a outros cultivos. 

Con todo, lembra que na Galiza hai unha moratoria até 2025 para novas plantacións, pero non para repoboación, o que, coa chegada de Altri, "podería orixinar que non se cumpra, como xa acontece", alerta, ou que, se segue a gobernar o PP, levante a moratoria.

Sobre esta cuestión, Fernández Mallo indica que Altri vén á Galiza "porque hai moito eucalipto" e sospeita que poida haber un acordo coa Xunta para que polo menos se manteña a extensión existente. Porén, non discute que o proxecto ten "efectos positivos", como crear emprego, "aínda que lonxe do manexa a Xunta", pero insiste en que non debe de ningún modo "condicionar" a política forestal, agraria e paisaxística da Galiza.

Comentarios