Alertan do grave deterioro da ría de Arousa, con caídas de produción por riba de 50%

Confrarías e agrupacións de produtores critican o desleixo da Xunta respecto das súas obrigas legais e morais de protexer a ría.
Os bancos marisqueiros víronse afectados pola falla de depuración e de control sobre as augas dos ríos que verten na ría de Arousa (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera Os bancos marisqueiros vense afectados pola falla de depuración e de control sobre as augas dos ríos que verten na ría de Arousa. (Foto: Xunta da Galiza)

A Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) e as Confrarías e Agrupacións de Produtores de Mexillón da ría fixeron públicos esta sexta feira os datos de produción dos últimos 20 anos de recursos que consideran "fundamentais" para a supervivencia da actividade económica nos concellos da contorna e que sufriron recortes de máis de 50% en moitos dos casos.

Segundo indicaron estas entidades no transcurso dunha rolda de prensa en Vilanova de Arousa, observan "con fonda preocupación" o devalo produtivo en especies como a ameixa, o reló ─un bivalvo similar á ameixa─, o camarón ou o percebe, que atribúen ao desleixo da Xunta.

Como sinalaron, levan anos reclamando "un maior apoio, atención e coidado" a Administración en relación a súas obrigas legais e morais de protexer a ría e, sinaladamente, no referente á necesidade de dedicar recursos humanos, económicos e tecnolóxicos para investigar e vixiar as condicións ambientais, os vertidos, a calidade da depuración das estacións depuradoras de augas residuais (EDAR) e a calidade das augas dos ríos que alimentan a ría de Arousa.

As cifras do declive

En concreto, sinalan que a presencia de especies como a ameixa fina na ría "non fai máis que descender" desde o ano 2013, até o punto de que no ano 2021 só produciron 43% (147 toneladas) da media dos últimos 20 anos (342 toneladas). 

Algo similar sucede coa ameixa babosa, aínda que neste caso a produción, en declive desde 2015, representa só 32% (185 toneladas) da media do período 2002-2021 (575 toneladas). No caso da ameixa rubia, non chega a perder a metade da produción (está en 53%), mais tamén vai en descenso desde 2017.

Máis preocupante é a situación do berberecho, que pasou de 724 toneladas de media nos últimos 20 anos a representar o pasado exercicio só 22,8% desa cantidade (165 toneladas), e a do reló, un bivalvo similar á ameixa, do que só se produce 13,8% da media (68 toneladas no 2021).

Tamén presentan caídas, aínda que neste caso non tan acusadas como coas especies anteriores, o camarón, cuxa presenza comezou a diminuír no ano 2019 e está agora en 79% da produción media dos últimos 20 anos, ou o percebe, que con 32 toneladas recollidas no 2021 está en 62% da media do período 2002-2021.

Medidas urxentes

Ante esta situación, a APDR, as confrarías e as organizacións de produtores consideran "urxente" que a Administración "deixe de mirar para outro lado ou desvíe o foco do problema dando explicacións non axustadas á realidade, como que chove moito", como defendeu na Comisión de Pesca do Parlamento.

A este respecto, indican que, segundo os datos pluviométricos extraídos de Meteogalicia da cunca do río Ulla ─a que ten máis impacto na ría─ están nos últimos anos na media dos pasados 20 anos. 

Na mesma liña, apuntan que as flutuacións "véñense repetindo dun modo regular", mais recoñecen que nos datos pluviométricos mensuais si que revelan que marzo de 2018 "foi especialmente intenso na cunca do río Ulla", recolléndose de media 408 litros por metro cadrado. 

Comentarios