A compravenda de vivendas acumula medio ano de caída consecutiva na Galiza

O retroceso de maio na Galiza é catro puntos máis acusado que o 6,4% de baixada na media estatal e supón a sexta maior diminución entre territorios.
Vista dun edificio de vivendas en Ourense (Foto: Agostime / Europa Press).
photo_camera Vista dun edificio de vivendas en Ourense. (Foto: Agostime / Europa Press)

A compravenda de vivendas volveu caer en maio (-10,7%) en comparación co mesmo mes de 2022, cun total de 1.644 transaccións, segundo os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) esta sexta feira.

Deste modo, a compravenda de vivendas acumula medio ano de caída consecutiva na Galiza, xa que o último dato positivo interanual produciuse en novembro de 2022 -en negativo decembro de 2022 e todo 2023-. No Estado encadéanse catro meses de taxas negativas.

O retroceso de maio na Galiza é catro puntos máis acusado que o 6,4% de baixada na media estatal e supón a sexta maior diminución entre territorios.

A maior caída compútaa A Rioxa (-37%). No outro extremo, Cantabria lidera o repunte (+21,1%).

A taxa de compravenda de vivendas na galiza é 75 por cada 100.000 habitantes, polo que continúa como a máis baixa do país.

Do total de maio, a compravenda foi de 1.598 vivendas libres e 46 protexidas. Ademais, foron 1.304 usadas e 340 novas.

Subida en leiras

Pola súa parte, o total de leiras transmitidas alcanzou as 9.835 na Galiza, un 1% máis que o quinto mes de 2022. Contrasta coa diminución de 5,4% na media estatal.

Estas 9.835 leiras divídense en 6.379 urbanas -3.426 vivendas, 279 solares e 2.674 doutro tipo- e 3.456 rústicas.

As 3.426 vivendas transmitíronse a través das citadas 1.644 compravendas, 870 herdanzas, 24 doazóns, tres permutas e 885 doutro tipo.

Comentarios