23-X

Feixoo mentiu no debate electoral ao asegurar que fixo 2.500 vivendas de protección cando realmente foron 12

Sánchez e Feixoo acusáronse mutuamente de mentir en repetidas ocasións no que foi un debate que brillou pola cantidate de mentiras e imprecisións que nel se deron.
Pedro Sánchez e Alberto Núñez Feixoo no debate electoral (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera Pedro Sánchez e Alberto Núñez Feixoo no debate electoral (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

O debate electoral entre o candidato do PSOE á reelección para a Presidencia do Goberno estatal, Pedro Sánchez e o candidato do Partido Popular, Alberto Núñez Feixoo que tivo lugar en Atresmedia foi un compendio de mentiras e imprecisións.

Foi un debate cheo de interrupcións entre ambos os políticos que se acusaron de mentir mutuamente en múltiples ocasións. Un dos puntos que máis debate xerou foi a cuestión da vivenda.

O actual titular do Executivo español preguntou a Feixoo cantas Vivendas de Protección Oficial (VPO) foran cualificadas para seren construídas en entre 2018 e 2019 na Galiza. E a esta pregunta Feixoo respondeu que foran “2.500”, un dato que dista moito da realidade.

Sánchez contrarrestou dicindo que foran "tan só 12" e, de feito, segundo os datos oficiais do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, en 2018 e 2019 cualificáronse definitivamente como VPO na Galiza unicamente esas 12 vivendas.

Datos de 2022

A respecto dos datos de 2022 sobre esta cuestión, tal e como informaba Nós Diario en abril deste mesmo ano, foron só nove as Vivendas de Protección Oficial que ao longo dese ano se habilitaron para aluguer.

De facto, nos últimos tres anos só se finalizaron 24 vivendas de protección oficial para ser alugadas. Unha cifra insuficiente para facer fronte á demanda existente na Galiza deste tipo de piso.

Prezos da vivenda á alza

Unha situación que se revela complicada sendo que tanto os prezos do aluguer e da vivenda continúan á alza, tamén como informaba este xornal esta segunda feira. Só no segundo trimestres deste ano, o prezo da vivenda aumentou no país en 4%. En referencia ao aluguer, Galiza rexistrou un incremento interanual de prezos de 5,9% até situarse en 7,33 euros por metro cadrado ao mes.

Comentarios