Gráficos

Galiza, á cabeza do Estado en vivendas baleiras con tres de cada dez: estes son os concellos máis afectados

Vigo e A Coruña son a segunda e terceira cidade de máis de 200.000 habitantes con maior proporción de fogares desocupados, mentres na relación de concellos de máis de 10.000 residentes hai até 10 galegos nunha listaxe de 20, con Mos de segundo a nivel estatal con case a metade dos pisos e casas baleiros.
Vista da cidade de Vigo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Vigo é a segunda cidade de máis de 200.000 habitantes do Estado con máis vivenda baleira. (Foto: Nós Diario)

Galiza ten un problema importante coa vivenda e así o evidencia esta sexta feira o INE a través da súa última actualización do Censo de Poboación e Vivendas, con datos referidos a 2021. No país hai, con base nestes rexistros, máis de medio millón de vivendas baleiras (506.370) sobre un total de 1,75 millóns de fogares. En termos absolutos, e malia non ser precisamente o territorio galego o que maior superficie abrangue dentro do Estado español, só Andalucía conta con máis pisos e casas deshabitadas: 641.437.

E en proporción, de feito, Galiza sae perdendo, pois as vivendas baleiras supoñen nada menos que 28,8% do total. Ou, o que é o mesmo, se no seu edificio hai dez fogares, tres están desocupados. O dato galego duplica a media estatal (14,4%), e dista considerabelmente do resto de territorios. En segunda posición dentro desta listaxe, con seis puntos de diferenza, fica Castela-A Mancha (22,6%).

Este rexistro contrasta de forma significativa cos de Madrid e Euskadi, que fechan a táboa con porcentaxes de desocupación de vivendas de 6,3% e 6,5%, respectivamente. Tamén Nafarroa baixa dos dous díxitos (9,9%), mentres Andalucía, líder en número absoluto de fogares baleiros, cae á undécima posición proporcionalmente, con 13,7%.

A estatística do INE —realizada con base no consumo eléctrico dos domicilios e considerando "baleiros" os que non alcanzan o limiar mínimo de consumo de 15 días por ano das vivendas dese mesmo municipio— debulla os datos por concellos de diferentes tamaños e por cidades, e na meirande parte dos ránkings os galegos saen perdendo. No que atinxe aos grandes municipios de máis de 200.000 habitantes, un total de 30, Santa Cruz de Tenerife lidera unha clasificación (17,3%) en cuxo podio se sitúan Vigo (15,1%) e A Coruña (14,7%), as dúas únicas cidades galegas que superan o limiar desta táboa.

As maiores do Estado, Barcelona e Madrid, rexistran senllas porcentaxes de fogares sen residentes de 9,3% e 6,3%, na oitava e vixésima posición, respectivamente. No lado oposto deste ránking fican Móstoles (3,1%), Gasteiz (4,1%) e Zaragoza (4,6%).

Non é máis positiva —mais ben todo o contrario— a relación de vivendas baleiras en municipios maiores de 10.000 habitantes —e inferiores a 200.000—, pois se ben na listaxe dos 20 que menos fogares deshabitados teñen non aparece ningún da Galiza, na listaxe contraria, a de máis vivendas baleiras, son galegos 10 dos 20 de todo o Estado español.

Especialmente significativo é o dato de Mos, na comarca de Vigo, que ten case a metade das casas e pisos sen ocupantes (46,5%), só superado por Tías, en Las Palmas (48%). En terceira posición, con 40% de fogares deshabitados, sitúase Monforte de Lemos. E tamén por riba do 30%, Verín (38,4%), Lalín (35,8%), O Porriño (34,9%), Bueu (34,8%), Viveiro (34,7%), Rianxo (34,4%), Betanzos (32,8%) e Sarria (32,7%).

Comentarios