O waterpolo, terapia de dous nenos con enfermidades raras

Os pequenos Lois e Hugo melloran na auga do seu Perthes.
Ambos os pequenos son membros da asociación Asfape. (Foto: CW Pontevedra).
photo_camera Ambos os pequenos son membros da asociación Asfape. (Foto: CW Pontevedra).

Lois Castro González ten oito anos. Hugo Couto Lois, 9. E ambos teñen algo en común, padecen a enfermidade de Legg-Calvé-Perthes, unha patoloxía que afecta a cadeira infantil. Trátase dunha necrose vascular na cabeza do fémur causada pola falta de rego sanguíneo que pode presentarse entre os 3 e os 12 anos, pero na meirande parte dos casos maniféstase arredor dos 6-8. 

Até o de agora a ciencia non foi quen de atopar a causa dun mal que ten entre os seus síntomas máis comúns a coxeira, rixidez na cadeira, restrición de movemento ou dor de xeonllo, na coxa ou a ingua. 

Esta enfermidade rara, que afecta unha de cada 10.000 crianzas, ten tratamento, e en arredor de 80% dos casos o prognóstico é bo, pero nos máis complexos as persoas que a padecen vense obrigadas a usar unha cadeira de rodas, como é o caso de Lois e Hugo.

Os dous son membros da Asociación de Familias con Perthes (Asfape), e, por casualidade, sen sabelo ningún deles, volveron coincidir no inicio deste curso 2023/24 na piscina como integrantes do equipo benxamín do Club Waterpolo (CW) Pontevedra, pois unha das recomendacións para o tratamento desta doenza é evitar as actividades de impacto, polo que, dadas as súas características, un deporte no medio acuático como o waterpolo resulta ideal para eles.

Lois, que reside en Portonovo, desprázase tres días á semana á Boa Vila para adestrar en Campolongo xunto cos seus compañerios e compañeiras. O Perthes, aínda que nun estadío inicial, xa lle obrigou a deixar o fútbol sala que practicou durante anos e a empregar unha cadeira de rodas, mais na auga consegue desenvolverse con moita facilidade. Hugo, pola súa parte, está nunha fase máis avanzada, pois leva dúas operacións ás súas costas e agarda por unha terceira, pero a súa positiva evolución permítelle compatibilizar o waterpolo co baloncesto no CAB. 

Desde a escuadra do Lérez manifestan estar "encantados" de poder contar cos dous nas súas filas, e de saber que a modalidade que desenvolven lles servirá "de axuda para, nun futuro, ter unha cadeira forte e saudábel". A maiores, o CW Pontevedra expresou o seu agradecemento a Asfape por contar con eles, poñendo en valor o traballo "digno de admiración" que fai a asociación.

Máis en DEPORTES
Comentarios