Álex Andión, waterpolista: "No waterpolo somos unha familia, non como no fútbol"

O waterpolo non é dos deportes máis populares na Galiza, feito que inflúe na cantidade de nomes importantes que destacan no panorama estatal e mesmo internacional. O máis recente é o do pontevedrés Álex Andión (2003), que tras brillar na súa cidade natal fixo as maletas para seguir medrando no potente Club Natació Sabadell. 
A meta de Álex Andión e lograr unha medalla olímpica. (Foto: Federación Galega de Natación).
photo_camera A meta de Álex Andión e lograr unha medalla olímpica. (Foto: Federación Galega de Natación).

A súa carreira no waterpolo comezou sendo vostede aínda pequeno, pero xa cunha certa idade, 12. Antes xogaba a fútbol, como se produce ese salto na adolescencia entre unhas disciplinas que, a ollos dun profano, só teñen en común as porterías e a utilización dunha pelota?

Pois comecei no waterpolo por consello dun curmán meu, meténdome e interesándome desde entón pouco a pouco pero cada vez máis no deporte. No primeiro partido, cando vin o ambiente que había, os familiares nas bancadas, a xente... era moi distinto ao do fútbol. Alí notaba que cada xogador se cría unha estrela, mentres que no equipo no que comecei, o  Club Waterpolo Pontevedra, todos eramos como unha familia,  acolléronme moi ben e rematei por engancharme, así que o fútbol quedou abandonado a metade de tempada (ri).

Aprendeu o deporte no Club Waterpolo Pontevedra, até que en 2019 fai as maletas e marcha para Cataluña. Que destacaría desa primixenia etapa formativa?

Sobre todo o traballo na base, con Quique, que nos inculcaba moito a técnica e como había que defender. Logo, con esa base que adquires chegabas a cadete con Javi para traballar o físico, o que te axudaba a competir e ter un nivel maior que o doutros equipos de Galiza.

Fala dunha diferencia de nivel de Pontevedra con outras zonas do país, pero logo cando marchou tamén puido ver a importante distancia que hai entre o waterpolo galego e o catalán. Tan grande é esa barreira?

Si, hai unha gran diferenza, moi importante, sobre todo no tema de instalacións, que é un plus a ter en conta. Aquí, por exemplo, no Club Natació Sabadell, teñen unha piscina só para os que facemos waterpolo. Hai catro carrís para que as categorías poidan nadar e poñer porterías, mentres que na Galiza adoitan ter problemas coas piscinas, pois por exemplo agora Pontemuíños está fechada e os rapaces teñen que ir á Escola Naval. Alá o ximnasia ten un espazo reducido, mentres que aquí en Cataluña temos grandes instalacións e acceso a ximnasios e piscinas enormes. Todo iso representa un plus que contribúe a elevar o nivel, algo que logo tamén se evidencia na competición. Na Galiza hai catro equipos e dispútanse dez partidos en todo o ano, mentres que aquí podes chegar a xogar o triple ou dobre de partidos, ademais do Campionato de Cataluña ou o de España, entre outras competicións.

Sempre é complicado saír da casa, e máis coa súa xuventude, pero semella evidente que se non tomara esa decisión non progresaría como o está facendo nin alcanzaría as metas que está conquistando en forma de títulos.

A min preguntáronme se quería vir e non o pensei, porque o Sabadell é un dos mellores clubs do Estado e tamén de Europa en canto a instalacións e nivel de waterpolo, e como eu quería aprender e seguir formándome, estaba claro cal ía ser a miña decisión.

Ademais de aprender moito, pouco a pouco está aumentando o seu rol no equipo. Está satisfeito coa súa posición? Como definiría o seu labor actual?

O meu labor actual é o de ser un xogador de apoio, porque estou adestrando cos compañeiros, facendo as dobres sesións, e se hai un xogador que falla, eu sempre estou aí para o equipo.

Ten compañeiros de tanto nivel que seguro varios estarán nos Xogos de París. Para vostede quizais sexa un pouco cedo, pero imaxino que a meta é esa.

Si, por que non pensar en conseguir iso? Hai que sacrificarse, traballar duro e a ver que pasa.

Comentarios