O Club Waterpolo Pontevedra, a factoría de deportistas que triunfan no exterior

Marina Casado, Álex Andión e Diego Touriño comezaron na cidade do Lérez e agora compiten en equipos de Nafarroa, Catalunya e Andalucía. Desde a distancia falan dos seus obxectivos e lembran o paso por Pontevedra. 
Diego Touriño, coa pelota, xogará esta tempada en Sevilla (Foto: Nós Diario).
photo_camera Diego Touriño, coa pelota, xogará esta tempada en Sevilla (Foto: Nós Diario).

As Ligas estatais de Waterpolo desta tempada xa están comezando. A División de Honra iniciouse a semana pasada e a Primeira e Segunda iniciaranse esta fin de semana. Nunha tempada tan especial para  CW Pontevedra, coa súa chegada á Primeira Feminina, o club lémbrase das xogadoras e dos xogadores que comezaron na cidade do Lérez e nas últimas tempadas triunfaron fóra da Galiza. 

Destino: Euskal Herria, Catalunya e Andalucía

A primeira foi Marina Casado, que en 2012 viaxou até Iruña (Nafarroa) para xogar no waterpolo de alto nivel, e que a vindeira semana comezará a loita pola Primeira División Feminina co seu equipo Waterpolo 9802. A pontevedresa, que gañou co seu actual equipo a Supercopa Euskal Herria en 2020, asegura que o obxectivo actual “é clasificarse para os playoff competindo entre os catro primeiros da liga”.

Alén diso, descobre que a principal diferenza coa súa situación actual foi “o cambio de adestrar en Pontevedra con rapaces, xogando con equipos mixtos durante case todo o ano, a enfocarme agora no waterpolo feminino na liga Euskal Herria".

Alén diso en Iruña afirma que adestran “nunha piscina só para o equipo feminino”. Esta mudanza, asegura, fixo que “valorara moito máis o waterpolo galego que co pouco que tiñamos faciamos maxia”. 

Outro dos que pasaron por Pontevedra foi Alex Andión que marchou en 2019 até Catalunya para xogar no CN Sabadel, onde logrou ser campión da LEN Euro Cup de waterpolo. Esta tempada xogará no CN Rubí na División de Honra Masculina. No seu caso afirma que o obxectivo do club é “manter a categoría e, se é posíbel con todas as fichaxes novas, conseguir estar o máis alto posíbel na clasificación”. No seu novo equipo atopou “adestramentos máis exixentes, propios da División de Honra”.

Porén, admite que bota en falta “a familia, as comidas e saír cos compañeiros do club despois de adestrar”. 

Por último, está Diego Touriño que esta tempada marchou até Sevilla por estudos e foi acollido polo CW Sevilla, club co que xogará en Primera División Masculina. A súa estrea foi na final da Copa de Andalucía Absoluta Masculina, na que o seu equipo perdeu por un só gol fronte ao CN Caballa de División de Honra.

No seu caso agarda unha tempada de “ilusión e desafío” na que o seu equipo tentará “meterse nos postos altos e unha vez arriba loitar polo ascenso”. Coincide tamén en botar de menos familia, amigos “e o nivel de vida e cidade che dá”.

Comentarios