As San Silvestre ou o triunfo do atletismo festivo

Pode que estas datas non sexan as máis profusas en competicións e eventos deportivos, pero desde hai algo máis de 10 anos unhas competicións moi particulares, nas que a competencia se combina en pé de igualdade coa festa, inzan Galiza de atletismo baixo a común denominación de carreiras "San Silvestre".
Unha boa parte da poboación da Galiza terá ou ben no seu lugar de residencia, ou ben nun lugar da contorna, unha carreira San Silvestre (Foto: Nós Diario).
photo_camera Unha boa parte da poboación da Galiza terá ou ben no seu lugar de residencia, ou ben nun lugar da contorna, unha carreira San Silvestre. (Infografía: Nós Diario)

Os ritos e tradicións que conforman estas festividades de Nadal nas que está inmersa a Galiza nestas datas non son inmutábeis. Foron sufrindo cambios e evolucións co paso do tempo. O rei Baltasar, por exemplo, non sempre foi de raza negra, pois até o século XIV era representado coa mesma pel branca que Melchor e Gaspar. O frenético consumo de 12 uvas coincidindo coas badaladas que dan inicio ao primeiro día do ano remóntase ao último tramo do século XIX.

E, no estremo contrario, outros usos e costumes propios destas datas, que chegaron a lograr unha fonda raizame social, desapareceron practicamente por completo. Son os casos da Misa do Galo, que aínda se desenvolve nalgunhas parroquias antes da medianoite de Noiteboa para festexar o nacemento do neno Xesús, ou de saír a pedir o aguinaldo, fundamental en moitos fogares para encher os pratos de comida o día 25.

Porén, e como cantaba Julio Iglesias, “uns que nacen outros morrerán”, e novas tradicións veñen ocupar o lugar daquelas que son devoradas polo devir da historia. Unha das máis recentes son as carreiras do último día do ano, que adoptan o nome de San Silvestre por ser o 31 de decembro a data na que se disputan.

A primeira vez na que se correu unha San Silvestre foi en São Paulo, no Brasil, a iniciativa do xornal A Gazeta. Ao Estado español non chegarían até 1961, levándose a cabo na localidade biscaíña de Galdakao, máis o certame máis representativo é multitudinario é a San Silvestre Vallecana, creada en 1964 polo xornalista deportivo galego Antonio Sabugueiro. 

Na Galiza a máis antiga é a San Silvestre de Pontevedra, fundada en 1977 pola Sociedade Ximnástica con motivo das vodas de ouro da entidade, nunha edición na que tomaron parte 652 atletas. Con todo, non tivo continuidade e rexistrou moitas paradas ao longo da décadas dos 80 e 90, sendo a partir da entrada no século XXI cando se produce a consolidación destas carreiras, e máis concretamente desde comezos da década pasada, subíndose ao carro das San Silvestre Vigo (2005), A Coruña (2010), Compostela (2013) ou Ourense (2016), entre outras.

Agora, en 2022, o seu éxito é tal que se multiplicaron ao longo e ancho do país, inzado de carreiras San Silvestre desde o norte até o sur, do mar á costa, das cidades ás vilas. As cifras non menten: en territorio galego terán lugar o próximo 31 de decembro máis dunha trintena de probas, que se unirán ás do Porriño e Salceda, que terán lugar un día antes, o 30. 

A diversión e o ambiente festivo, as chaves do éxito

A razón detrás da proliferación destes eventos non é un segredo: a diversión. A diferenza do que acontece co resto do calendario competitivo, aquí o gran premio non é rebaixarlle unhas cantas décimas ao cronógrafo, senón pasalo ben.

Desde familias con carriños de bebé até clubs atléticos de elite, unha boa parte das persoas participantes optan por combinar o calzado e a roupa deportiva con gorros de Papá Noel, gorras de cornos reno ou disfraces -desde Mario e Luigi a Spiderman, pasando por Optimus Prime e Thor-, o que non é impedimento para que profesionais do nivel de Tariku Novales logren marcas para a historia, como cando na San Silvestre de Valencia 2018 rachou co récord galego absoluto dos cinco quilómetros ruta.

As carreiras San Silvestre recuperan a normalidade despois da crise da Covid-19

O Porriño, Salceda, Neda, Tui, Muros, A Rúa, Rábade, Malpica, Ponteareas, Ourense, Castrelo de Miño, Mondoñedo, Ordes, A Coruña, Narón, Ribadeo, Vigo, A Guarda, Maceda, Ortigueira, Melide, Viveiro, Lugo, Betanzos, Vilalba, A Estrada, Cambados, Sarria, Pontevedra, O Rosal, Cangas e a Estación de Montaña de Manzaneda son as localidades galegas que contan coa súa propia San Silvestre, unha cantidade maiúscula que demostra que neste eido a pandemia da Covid-19, que obrigara á súa cancelación ou adiamento, quedou definitivamente atrás.

Comentarios