O Gran Fondo de Pontevedra supera as 1.000 inscricións

A proba do Gran Fondo de Pontevedra, na súa 40º edición, fechou as inscricións con máis de 1.000 persoas inscritas. Reyes Estévez e Manuel Hurtado, entre outras e outros deportistas, confirmaron a súa presenza.
Corredores do medio maratón da edición anterior (Foto: FGA)
photo_camera Corredores do medio maratón da edición anterior (Foto: FGA)

O Gran Fondo de Pontevedra, na súa 40º edición, fechou as inscricións con máis de 1.000 persoas inscritas. Delas, 572 participantes son do medio maratón e 334 dos 10 km. Ademais, hai un total de 165 deportistas que só se inscribiron no Campionato Galego de Medio Maratón e non na proba popular.

En total, o número de participantes sería de 1.071. A carreira de cativas e cativos aínda ten o prazo de inscrición aberto, mais desde a organización sinalan que agora mesmo hai máis de 140 nenas e nenos que se apuntaron.

Participación con atletas de primeiro nivel

En Pontevedra estarán presentes algunhas e algúns atletas de longa distancia de primeiro nivel. Entre as confirmacións figura Reyes Estévez, finalista nos Xogos Olímpicos de Atenas 2004 e propietario de varias medallas internacionais e estatais. Outra das presenzas será a de Manuel Hurtado, gañador da proba o ano pasado, e o atleta con máis vitorias no medio maratón de Pontevedra ao contar con catro en total. 

Tamén foi dúas veces campión galego na distancia e quere ir en busca da terceira. Tamén correrá en Pontevedra Carlos Porto, gañador nos 10 km do ano pasado. Este atleta é o actual campión galego de 800 metros ao aire libre. Titular no equipo da Sociedade Ximnástica de Pontevedra nas ligas de atletismo tanto nas probas de mediofondo como de fondo, nesta ocasión debutará na distancia do medio maratón. 

Na categoría máster feminina participará a atleta internacional Soledad Castro, dez veces campioa galega de medio maratón e récord galego na distancia nas categorías M40, M45 e M50.

Tamén correrá a triatleta internacional Andrea Iglesias, terceira o ano pasado nos 10 km, e Ángela Rodríguez, subcampioa o ano pasado no medio maratón. Por último, nos 10 km sobresae, sobre todo, Cora Saburido, que quedou segunda o ano pasado nesta distancia. 

No ránking histórico do Gran Fondo de Pontevedra, con datos desde 2004, figura o atleta ourensán Alejandro Fernández Rivera co mellor tempo: 1.06.26. Este mellor tempo conseguiuno na edición 2020 da proba, a da pandemia, que se realizou gardando todas as medidas sanitarias do momento como a de levar máscara até o momento de iniciar a carreira.

Comentarios