Rubiales dimitirá esta sexta feira como presidente da RFEF

O presidente da Federación de Fútbol trasladou a decisión ao seu equipo.
O presidente da Federación Española de Fútbol, Luis Rubiales (Foto: Oscar J. Barroso / Afp7 / Europa Press).
photo_camera O presidente da Federación Española de Fútbol, Luis Rubiales (Foto: Oscar J. Barroso / Afp7 / Europa Press).

O presidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), Luis Rubiales, dimitirá esta sexta feira, 25 de agosto, segundo trasladou ao seu equipo. Rubiales renunciará ao seu cargo ante as denuncias recibidas após bicar sen consentimento a fubolista Jenni Hermoso nas celebracións do Mundial feminino. 

O clamor contra Luis Rubiales despois de acto sen consentimento no contexto da celebración tras avitoria do combinado na Copa do Mundo provocou que o aínda presidente da RFEF comunicase ao seu equipo que dimitirá do seu cargo.

Aínda que a primeira intención do presidente da RFEF non era dimitir, tanto a presión social e xudicial como a posibilidade de ser inhabilitado polo Consello Superior de Deportes fixeron que o dirixente vaia optar polo cesamento voluntario.

A presión contra Rubiales resultou enxordecedora, case tanto como o contraste co silencio dentro do mundo do fútbol español, onde tan só voces puntuais como o técnico do Real Madrid, Carlo Ancelotti, se atreveron a criticar o mandatario.

Tamén levantou a man Javier Landeta, presidente da Federación Vasca, que anunciou que non acudirá á Asemblea Extraordinaria convocada esta sexta feira pola RFEF, deixando nunha posición incómoda aos seus homólogos como o da Galega, Rafael Louzán. 

O presidente da Federación Galega aínda non dixo "esta boca é miña" desde o momento no que estoupou a controversia derivada de que Rubiales bicara sen o seu consentimento á futbolista española.

Expediente da FIFA

Ademais, a Comisión Disciplinaria da FIFA anunciou esta quinta feira, 24 de agosto, que abre un “procedemento disciplinario” contra Rubiales, polos feitos ocorridos durante a final do Mundial feminino, en referencia ao bico nos beizos que o presidente lle deu á xogadora Jennifer Hermoso sen o seu consentimento durante a entrega de medallas como campioas do torneo.

“A Comisión Disciplinaria da FIFA informou no día de hoxe ao Sr. Luis Rubiales, presidente da RFEF, da apertura dun procedemento disciplinario contra el con base nos feitos acontecidos durante a final da Copa Mundial Feminina da FIFA, o pasado domingo 20 de agosto de 2023”, avanzou o organismo nun comunicado.

Máis en DEPORTES
Comentarios