A xuíza que investiga presuntas irregularidades na RFEF pide información sobre unha viaxe de Rubiales aos Estados Unidos

O presidente da Real Federación Española de Fútbol está sendo investigado por presuntos delitos de corrupción nos negocios e Administración desleal

Luis Rubiales, presidente da RFEF, o 22 de agosto na Moncloa. (Foto: Oscar J. Barroso / Afp7 / Europa Press)
photo_camera Luis Rubiales, presidente da RFEF, o 22 de agosto na Moncloa. (Foto: Oscar J. Barroso / Afp7 / Europa Press)

A xuíza de Majadahonda que investiga presuntas irregularidades cometidas no seo da Real Federación Española de Fútbol (RFEF) pediu información sobre unha viaxe que o seu presidente, Luis Rubiales, realizou a New York (Estados Unidos) en 2018.

Nunha providencia do 14 de xullo a xuíza Delia Rodrigo Díaz solicitou ­a petición da Fiscalía que se acheguen á causa “os documentos xustificativos de dita viaxe”.

Cabe recordar que a titular do Xulgado de Instrución Número 4 de Majadahonda abriu a investigación en 2022 após recibir unha querela que presentou o dirixente do Centro Nacional de Formación de Adestradores de Fútbol (Cenafe), Miguel Ángel Galán, á que logo se sumou a querela interposta polo sindicato Manos Limpias.

Nas querelas por presuntos delitos de corrupción nos negocios e Administración desleal apuntábase, entre outras cuestións, ás presuntas comisións cobradas pola RFEF e a empresa do ex xogador do Fútbol Club Barcelona Gerard Piqué para que o torneo da Supercopa de España se xogara en Arabia Saudí.

Tamén se facía referencia a unha “viaxe de pracer” a New York que Rubiales pagaría con cartos da Federación de Fútbol. “A viaxe produciríase entre o 31 de outubro e o 4 de novembro de 2018, apenas cinco meses despois de chegar á presidencia do ente federativo”, segundo os denunciantes.

A xuíza de Majadahonda acordou abrir dilixencias previas toda vez considerou que os feitos denunciados revestían “os caracteres dun presunto delito de Administración desleal e corrupción nos negocios”. No marco das investigacións, a titular do xulgado reclamou información a Piqué; en concreto solicitou que achegara o contrato que a súa empresa (Kosmos) asinou coa RFEF.

A investigación continúa o seu curso despois de que o pasado xuño a maxistrada prorrogara as investigacións outros seis meses. Á marxe deste procedemento, Rubiales acumula cando menos dúas denuncias ante o Consello Superior de Deportes (CSD) por unha presunta infracción grave despois de que bicara nos beizos e contra a súa vontade unha xogadora da selección española, Jennifer Hermoso, após gañar o Mundial de Fútbol Feminino.

Comentarios