O piragüismo volve ao río Umia este sábado coa súa Baixada Internacional

O Club Náutico O Muíño de Ribadumia, no Salnés, ten todo preparado para que este sábado as embarcacións ocupen o río Umia nunha nova edición da Baixada Internacional. Como novidade, un novo percorrido obrigado pola Xunta da Galiza.
A saída da edición do ano pasado da Biaxada Internacional do río Umia organizada polo Club Náutico O Muíño (Foto: Concello de Ribadumia).
photo_camera A saída da edición do ano pasado da Biaxada Internacional do río Umia organizada polo Club Náutico O Muíño. (Foto: Concello de Ribadumia).

Este sábado a comarca do Salnés contará, outro ano máis, cunha xornada clásica do piragüismo galego: a Baixada Internacional do río Umia. O Club Náutico O Muíño de Ribadumia repite experiencia e celebra o 29º aniversario dunha proba que naceu coa refundación da entidade en 1995 após a unión de dous clubs.  

A competición terá un percorrido total de 8,7 km divididos nunha fase clasificatoria de 1,7 km pola mañá, unha das novidades desta edición, e a propia Baixada do Umia, pola tarde, de 7 km. A cita, que forma parte do Campionato Galego de Ríos e  Travesías 2023-Gran Premio Celtamotor, agarda chegar a superar as 500 persoas participantes que houbo o ano pasado e polo seu carácter internacional están confirmadas embarcacións de Portugal, Asturias e Euskal Herria. 

Dificultades organizativas

A organización dun evento destas características non é nada doada. En realidade cada edición conta con máis atrancos, como explica a Nós Diario o director técnico do C.N. O Muíño, José Manuel Vázquez Navia. “Temos moitos problemas de limpeza nalgúns tramos e non contamos tampouco con axudas institucionais para levalas a cabo”, asegura. É consciente de que as padeeiras e os padeeiros que participan cada ano “marabíllanse coa espectacularidade do percorrido, sobre todo na parte alta do río, mais sempre temos moito traballo para que estea en condicións”. 

Vázquez denuncia que o Umia “cada día está peor, aumentan os asolagamentos e non hai compromiso institucional aquí para facelo”. Neste sentido, sinala a Augas da Galiza como a responsábel da situación ao “limpar outros ríos e abandonar este” ademais de ter "problemas todos os agostos cun encoro que corta o río para que as mareas vivas non afecten unha empresa privada que bombea até a Illa da Toxa". O último dos atrancos que tiveron este ano foi a negativa da Consellaría de Medio Ambiente da Xunta da Galiza de facilitarlles o permiso ao percorrido que propuxeron nun inicio.

Un club con historia

Na promoción do piragüismo no Salnés, O Muíño colleitou varios éxitos ao longo da súa historia. Entre os primeiros figuran Adrián Pazos Noya, campión galego infantil e medalla de bronce coa Selección Galega en C1 nos 90, e  Lidia Martínez, que pasaría á historia desta entidade ao lograr a clasificación para disputar a Copa do Mundo de Maratón en K2 Júnior en Crestuma (O Porto, Portugal), onde logrou o subcampeonato en 2007.

Despois chegaría David Maquieira, que se convertería no primeiro deportista do club en ingresar no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) despois dunha gran tempada en Infantil C1 zurdo, e tamén Paulino Otero. Ambos os dous conseguían clasificarse para participar no Campionato de Europa Júnior e Sub-23 en Zagred (Hungría) onde conseguirían tres metais.

A incorporación de Carlos Pérez Rial “Perucho” puxo o ramo á historia do club tras pasar polos Xogos Olimpicos de Pekín onde conseguiu unha medalla de ouro. Xa en datas máis achegadas, María Perez, en Júnior, conseguiría en 2017 a prata na do Mundo de Portugal no c2 500 metros, así como o título de Campioa de España absoluta en c1 500 metros. 

A Covid-19 condicionou a tempada 2020 mais non impediu que se sumaran éxitos ao club nin que se deixara de realizar a Baixada Internacional no río Umia. En febreiro dese ano, O Muíno conseguía catro metais no Galego de Fondo e as vitorias Sub-23 de Manuel Fontán e María Pérez, Ramón Ferro en veterano e Lúa Cubiella prata no K1 Júnior antes da chegada do Estado de Alarma que paralizou a actividade até xullo onde, na Galiza, conseguiuse retomar con case normalidade a competición.

As últimas alegrías neste club, este 2023, viñeron da man dos dobres campións do mundo de C4 500, Manuel Fontán e Adrián Sieiro, que en agosto revalidaron o seu título de campións do mundo en Duisburgo (Alemaña). A entidade sempre mimou a base e esta mesma semana proclamouse vencedor da liga Depoescolas, de piragüismo, tras a última proba realizada na localidade de Catoira. 

Pensando no 30º aniversario da Baixada

Desde o C.N. O Muíño xa pensan na edición seguinte coa que chegarán ao 30º aniversario, unha cifra redonda que pode dar para moito. “Queremos variar o percorrido, recuperando unha parte do trazado tradicional”, indica Vázquez. Ademais, para 2024 queren recuperar as datas tradicionais, antes do verán e ao redor do mes de xuño, que este ano non escolleron por non contar antes co apoio económico municipal por parte do Concello de Ribadumia.

"O próximo obxectivo para nós, e no que levamos xa un par de anos traballando, é conseguir traer até o Umia o Campionato de España de Ríos ou outra proba semellante", explica Vázquez. Con esta proposta, entenden, podería promocionarse aínda máis unha proba que xa figura no calendarios de moitas figuras do piragüismo internacional.

Comentarios