Galiza segue a arrasar en piragüismo: Pleno de clasificacións no primeiro día do Mundial Junior e Sub-23

As seis embarcacións con presenza galega que tomaron parte na primeira xornada do evento conseguiron o pase á final de medallas, previstas para a vindeira sexta feira.
Os irmáns Diego e Noel Domínguez (Foto: Fegapi).
photo_camera Os irmáns Diego e Noel Domínguez (Foto: Fegapi).

O Campionato do Mundo Sprint Junior e Sub-23 2022 que comezou onte en Szeged, Hungría, fíxoo da mellor forma para a representación galega no campionato. As seis embarcacións con presenza galega que tomaron parte na primeira xornada do evento conseguiron o pase á final de medallas, previstas para a vindeira sexta feira.

Clasificacións

Os primeiros en entrar en competición foron Iago García (Foz) e Mauro Domínguez (Rianxo) xunto ao asturiano Rubén García e o sevillano Carlos Ruiz no K4 500 metros xuvenil. Impuxéronse na primeira serie eliminatoria da mañá, conseguindo así o pase directo á final.

Os irmáns Diego e Noel Domínguez (O Grove) no C2 500 metros Sub-23, a pesar de que na eliminatoria non conseguiron a clasificación directa, nas semifinais impuxéronse con claridade para clasificarse para a final.

O mesmo camiño até a final tiveron que percorrer Claudia Couto (Pontevedra) xunto á sevillana Julia Espinosa no C2 feminino.

A parella pasou á final despois de conseguir a terceira posición na semifinal da tarde. A embarcación de Lara Feijoo (Tui) e Carolina García (Pontevedra), xunto con Bárbara Pardo e Aida Bauza, finalizaron en terceiro lugar da súa serie de clasificación. Este posto dálles o pase directo á final. 

O K4 500 Sub-23, formado polo deportista do Ría de Betanzos Iván Freire e o asturiano nas filas do Fluvial de Lugo Pablo Roza así como co murciano Lázaro López e o madrileño Adrián del Río conseguían a clasificación directa por tan só tres centésimas de segundo sobre os segundos.

Por último, Martín López (Ferrolterra) e o asturiano Javier García conseguían tamén a clasificación para a final do K2 1000 metros da categoría xuvenil

Comentarios