Máis de 500 padexeiras aspiran á vitoria na XXVII Baixada do Umia

Un total de 39 equipos están representados na proba
Presentación da Baixada do Umia (Foto: Fegapi).
photo_camera Presentación da Baixada do Umia (Foto: Fegapi).

A histórica Baixada do Umia alcanza este sábado, 7 de agosto, a súa XXVII edición. Pertencente á Liga Galega das categorías Cadete, Xuvenil, Sénior e Veterano, serán da partida un total de 524 padexeiros e padexeiras que representarán 39 equipos diferentes.

En concreto, 394 embarcacións tomarán a saída a partir das 16.30 horas da tarde para cubrir os 12 quilómetros de percorrido dun certame con saída na ponte de  Barrantes, desde a que os e as participantes tomarán dirección cara á desembocadura en Castrelo, para logo volver remontando o río até a meta.

Como vén sendo habitual, o Club Náutico O  Muiño organiza a competición xunto coa Federación Galega de Piragüismo (Fegapi), entidade que ademais instalará dúas metas voantes en recoñecemento a dous históricos deportistas da escuadra de Ribadumia: José Manuel Torres 'Iño' e José Ramón Serantes 'Peke', nas pontes de  Bayón e Ponte Arnelas, respectivamente, para a primeira embarcación  K2 feminina Cadete e  C1  masculina Sénior. Por outra banda, desenvolverase un recordatorio dun dos primeiros deportistas da entidade, 'Pajete'.

Esta XXVII Baixada do Umia foi presentada nun acto levado a cabo en Ribadumia no que participaron o alcalde do municipio, David Castro, xunto co deputado provincial Manuel González; o director da proba, José Manuel Vázquez; e o presidente da Federación Galega de Piragüismo, José Alfredo Bea García.

Oportunidade laboral na Federación de Piragüismo

A Federación Galega anunciou o inicio do proceso de contratación dun técnico para traballar cos grupos de adestramento de pista. Todos os detalles están no portal da Fegapi.

Comentarios