Ainhoa Lameiro e Daniel Pérez seguen vivos no Mundial Sub-23

Os novos talentos do piragüismo brillan en Polonia
Pérez busca superarse nun certame que se estenderá até o domingo. (Foto: Fegapi).
photo_camera Pérez busca superarse nun certame que se estenderá até o domingo. (Foto: Fegapi).

O Campionato Mundial Junior e Sub-23 de Piragüismo Slalom 2023, que se disputa desde o 15 de agosto na localidade polaca de Cracovia, depara hoxe unha xornada moi importante para os dous únicos representantes da Galiza na competición.

Deste modo, Ainhoa Lameiro (Club Piragüismo Penedo) -que foi sexta no último Campionato de Europa da súa categoría de idade hai menos dun mes- disputará as semifinais en canoa individual, tras lograr clasificarse xunto con nomes do nivel de Nora López ou Clara González.

Ademais, na modalidade por equipos a galega vén de finalizar no sétimo posto xunto co resto das súas compañeiras do combinado estatal, un bo resultado nun evento moi significativo para Lameiro, que busca desquitarse da súa exclusión do Mundial absoluto no que é o seu último ano como Sub-23.

O outro galego en liza é Daniel Pérez -tamén do Club Piragüismo Penedo-, quen logo de concluír en novena posición na final por equipos tratará de obter un lugar na individual e mellorar así o seu desempeño no último Europeo da disciplina, onde non foi quen de superar a barreira das semifinais en Bratislava após rematar na vixésima praza da súa serie. 

Viveiro acolle a cuarta etapa da Copa Deputación

Movendo o foco desde Polonia até a Galiza, a  Ría de Viveiro prepárase para recibir unha emocionante xornada deportiva, xa que o domingo 20 de agosto será o escenario dunha nova edición de Copa Deputación de Lugo de Piragüismo.

Organizada polo conxunto local, esta proba conta coa participación de 210 padexeiros e padexeiras de diversas categorías, desde a pre benxamín até a xuvenil, pertencentes a seis clubs de augas tranquilas: San Ciprián, Altruán de Ribadeo, Caiac Foz, Viveiro, Cidade de Lugo e Fluvial de Lugo.

Xa que logo, as augas axitaranse a partir das 17 horas da tarde, cando as saídas dean inicio a unha competición que abrirán as deportistas máis cativas.  

A organización resaltou que un dos equipos que espertan maior interese é o Club Fluvial de Lugo, que chega a esta cuarta competición da liga ocupando o primeiro posto na clasificación xeral por equipos, acumulando un total de 210 puntos. "Este logro é o resultado da súa destacada actuación nas tres primeiras regatas do ano, onde lograron alzarse coa vitoria en cada unha delas", salientaron, recordando ademais que o Cidade de Lugo é segundo con 199 puntos e o Altruán de Viveiro, terceiro a só dous do seu predecesor.

V Circuíto Piragüismo AT Deputación da Coruña

De forma paralela, tamén o domingo día 20 de agosto está programado o V Circuíto Piragüismo AT Deputación da Coruña, que mobilizará 300 padexeiros e padexeiras nas augas do río Tambre ao seu paso polo Concello de Outes.

O escenario do evento será a emblemática ponte de Pontenafonso, baixo a cal as categorías benxamín, alevín 'A', alevín 'B', infantil e cadete buscarán a vitoria nas súas respectivas probas sobre un circuíto que no caso dos e das atletas integradas  nas tres primeiras será de 1.500 metros, e para as das dúas últimas, de 3.000.

En Outes todo indica que o gran favorito para facerse co triunfo final é o Club ría de Betanzos, xa que viaxa con até 52 padexeiros e padexeiras e hai tan só unha semana foi o mellor na Regata de Miño. Porén, Rías Baixas ameaza a súa candidatura.

Comentarios