8-M | Xogos Olímpicos

A paridade chegará aos Xogos en París 2024: mesmo número de competidoras masculinas e femininas por vez primeira

Nos Xogos de París competirán 5.250 homes e 5.250 mulleres, continuando así cunha evolución que confirma un progreso consolidado ao longo do presente século XXI.
Marta Bobo, a pioneira olímpica galega, co libro 'Historia inacabada do deporte galego', de Héctor Pena. (Foto: Arxina)
photo_camera Marta Bobo, a pioneira olímpica galega, co libro 'Historia inacabada do deporte galego', de Héctor Pena. (Foto: Arxina)

Hai un século que a capital de Francia, París, acolleu os VIII Xogos Olímpicos de verán da era moderna, unha cita na que participaron 3.089 deportistas, dos que 2.954 eran homes e 135 mulleres. Unha centuria despois, concretamente o 26 de xullo do presente ano 2024, París recibirá de novo o evento deportivo máis importante do planeta.

E, nun exemplo ben representativo do avance da muller no mundo do deporte ao longo de todos estes anos, a porcentaxe que representa sobre o conxunto de atletas subirá do 4,37% de 1924 ao 50% de 2024.

Porque nos Xogos de París competirán 5.250 homes e 5.250 mulleres, continuando así cunha evolución que confirma un progreso consolidado ao longo do presente século XXI, pois se en Seul 1988 as mulleres representaban aínda só 25% do total, na última cita, Toquio 2020, xa estivo a piques de alcanzarse a igualdade, pois foron da partida 5.704 homes e 5.386 mulleres.

O presidente do Comité Olímpico Internacional (COI), o xermano Thomas Bach, sacou peito ante estas cifras durante unha conferencia de prensa previa ao Día da Muller, indicando que esa paridade de París 2024 é a súa "contribución a un mundo máis igualitario en materia de xénero".

Comentarios