Entrevista

Lydia Pérez: "Vou combate a combate para estar en París 2024"

Son pouco máis de 300 as mulleres que practican loita libre de forma federada na Galiza, pero o pequeno da cifra é inversamente proporcional aos éxitos que logran referentes como Nerea Pampín ou Lydia Pérez (Pontevedra, 1997), quen conversa con Nós Diario sobre uns soños olímpicos que pasan por París.
A galega (á esquerda) encara en abril o torneo Preolímpico. (Foto: COE).
photo_camera A galega (á esquerda) encara en abril o torneo Preolímpico. (Foto: COE).

—Recentemente logrou un gran resultado no prestixioso Flatz Open de Austria, onde conseguiu a medalla de prata na categoría de -62 quilogramos. Non obstante, estivo moi cerca de lograr a de ouro, que se lle escapou por un erro no último momento. Como interpreta ese resultado, positiva ou negativamente?
Para min é malo, porque co nivel que había o resultado non tiña que ser ese. Cometín un erro cando ía gañando 8-0, dous puntos máis e finalizaría o combate, e por ese fallo perdín con alguén coa que igual loitei 50 veces. Por iso, para min nunca pode ser un bo resultado, de feito cando penso no torneo de Austria non o fago en plan "oh, conseguín unha prata, que ben!", non.

—Ao longo da pasada semana tivo lugar en Bucarest (Romanía) o Europeo de loita, onde vostede tomou parte na modalidade de loita libre nos -62 quilos que mencionaba na anterior pregunta. Na conversa que mantivemos antes de entrar en acción sinalaba que só estaría satisfeita pelexando polas medallas [aínda que por desgraza resultou eliminada na primeira rolda ante a sueca Johanna Lindborg], mais destacando que a súa meta real era o Preolímpico dos Xogos de París.
Así é. O Campionato de Europa é importante, pero non determinante, porque había rapazas que xa teñen praza nos Xogos e non estarán nos clasificatorios para París, que serán en abril e maio. É dicir, en Bucarest simplemente fun ver como estou, cal é o meu nivel e que teño que mellorar aquí e acolá. 

—Como será o formato dese torneo Preolímpico?
Exactamente igual ao do Europeo, unhas ramas que conducen a unha final á que tes que chegar para lograr a clasificación para os Xogos Olímpicos. 

—Ese xa si que é o seu último 'match ball', empregando o termo do tenis, para estar en París.
En realidade é unha oportunidade pero son dúas, porque en abril é o clasificatorio europeo, no que tería que rematar en primeiro ou en segundo lugar, e logo en maio hai unha última proba clasificatoria, esta xa a nivel mundial, na que tería que concluír en primeira, segunda ou terceira posición.  

—Por suposto, vostede aspira a fechar xa ese pase na primeira desas fases clasificatorias...
Claro, si. Eu vou día a día e combate a combate, así que iremos a por todas ao Preolímpico europeo, pero se non se logra esta vez, será a seguinte.

—Teño entendido que as súas películas preferidas son as de Rocky. Se non o consegue desta vez, consideraría que aínda está a tempo, por idade, de levantarse e chegar aos Xogos Olímpicos dos Ánxeles 2028?
Si, de feito sempre digo que mínimo teño por diante outro ciclo olímpico, así que si, ese é o obxectivo, por iso non perdo o sono.

—No pasado ano 2023 rematou primeira no ránking estatal e segunda foi a tamén galega Nerea Pampín. Ten algo especial a Galicia para a loita que favoreza a irrupción de loitadoras tan boas como vostedes ou considera que é algo casual ou circunstancial?
Ten bastante que ver que nos criásemos cun adestrador ruso, que faleceu o ano pasado, Alexander Kachelaev, que nos inculcou ademais dunha morea de conceptos a nivel técnico e táctico, valores no ámbito deportivo, e penso que na Galiza está a facerse un gran traballo, porque ademais de Nerea e máis eu tamén está Noelia Lalín, múltiples veces campioa de España en 76 e 68 quilos, polo que a Galiza sempre se aseguraba tres ouros en pesos olímpicos no Estatal.

Un referente para as nenas da loita libre

A principios deste ano, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, recibiu Lydia Pérez na Casa Consistorial como recoñecemento á súa condición de 19 veces campioa de España, destacando da loitadora a súa consolidación como "referente para todas as rapazas". Con 26 anos de idade, a wrestler coincide co rexedor en que pode ser un espello no que se miren "as nenas que están todos os días sobre o tapiz", pero non en xeral, porque, destaca, aínda existe "un gran descoñecemento sobre a loita".

Nese deporte no que, segundo os últimos datos dispoñíbeis, de 2022, só hai 302 dúas mulleres federadas -situando as loitas olímpicas fóra do 'Top-30-, o maior logro dos moitos que conseguiu a competidora do Lérez segundo ela mesma foi o bronce dos Xogos do Mediterráneos disputados en 2023, que fixo dela a primeira galega en gañar un metal na competición.

Comentarios