Entrevista

Lidia Parada, atleta: "O meu obxectivo e soño é ser olímpica, e non me irei deste mundo sen selo"

Lidia Parada (A Pobra do Caramiñal, 1993) é catro veces campioa de España en categoría absoluta de lanzamento de xavelina. Tras unha lesión que non lle permitiu ir aos Xogos Olímpicos de Tokio 2021, segue firme na súa idea de chegar a París 2024 despois de arrastrar varias lesións e de non poder competir nesta tempada.
Lidia Parada, no Campo da Alta, na Pobra do Caramiñal (O Barbanza) (Foto: Nós Diario).
photo_camera Lidia Parada, no Campo da Alta da Pobra do Caramiñal, no Barbanza. (Foto: Nós Diario).

—Foi moitas veces campioa de lanzamento de xavelina, por que elixiu esta disciplina?
Non elixín nada. Con doce anos, estaba no patio do instituto cando veu a xunto miña a que é agora a miña mellor amiga e díxome “perdoa, necesitamos unha persoa grande e forte para os lanzamentos no equipo de atletismo, apúntaste?” E fun. Ao principio ía por ir e ao pouco tempo deixeino. Pero un día atopeime pola rúa o que era o meu adestrador e díxome que volvese, que podía facer algo de proveito comigo.

Empecei a adestrar de verdade en xaneiro e en marzo fixen a marca mínima para o Campionato de España de Lanzamento con Xavelina. En outubro dese mesmo ano, foi o Campionato de España en Lugo e quedei segunda. Ademais, ao ano seguinte quedei campioa de España con récord galego e fun ao Campionato do Mundo da miña categoría. Foi entón cando pensei “igual o meu adestrador si que tiña algo de razón”. Xa non é só talento, estaba destinada a lanzar xavelina.

—Por que segue no mesmo club despois de tanto tempo?
Son moito da miña casa, encántame A Pobra do Caramiñal. Tiven moitas ofertas ese ano que quedei campioa de España. Ofrecéronme praza no Fútbol Club Barcelona, que ten sección de atletismo; o Vilarreal, que tamén ten un equipo que se chama Praias de Castelló; o Valencia; e o Porto de Alacante. Son os mellores clubs de España e ofrecéronme moito diñeiro, e dixen que non porque o meu club é a miña casa.

Co paso dos anos, seguíronme ofrecendo iso, mais son adestradora das crianzas do club e quero darlles ese exemplo de que non fai falta irse a un club grande ou a unha gran cidade para conseguir un gran resultado, e que nunha vila  pequena tamén se poden conseguir grandes cousas. Agora o meu soño é ser olímpica, que é o que me falta. O meu soño é facelo desde aquí, no meu club de toda a vida, co meu adestrador de sempre.

—Que lle pasou nesta tempada 2023?
Un cúmulo de desgrazas, unhas detrás doutras. Comecei o 1 de xaneiro en Urxencias cunha sinusite, déronme antibióticos e estiven unhas semanas sen adestrar. Os antibióticos sentáronme mal e perdín todo  xaneiro. En febreiro empecei a adestrar pouco a pouco, e en marzo xa estaba adestrando normal, mais un día tropecei e caín co pescozo. Ao día seguinte fixen un xesto brusco e fastidiei o ombro e estiven coa rehabilitación até xuño.

Durante ese proceso puxéronme unha soleta no pé que non era adecuada para min e provocoume unha fascite plantar. Estiven arrastrándoa até agosto, facendo exercicios de fortalecemento. En setembro, a principio de tempada, torcín o pé, fixen un esguice que case rompo o nocello. Outra vez a rehabilitación, até a primeira semana de decembro.

—Tiña en mente París 2024, mudaron os seus obxectivos?
Non, eu sigo pensando o mesmo e estou adestrando para iso, pouco a pouco. Espero, agora en xaneiro, poder volver adestrar practicamente normal. A primeira competición, e na que me vou centrar, é o Campionato de España de Inverno, que é a finais de febreiro. Porque prefiro poñerme obxectivos a 
curto prazo.

—Cando as cousas saen mal nunca se rende, só cambia de plan. Como o fai?
Estiven dez anos conseguindo todo o que me propoñía e négome a renderme porque as cousas saian mal. O meu obxectivo e o meu soño é ser olímpica, e non me vou ir deste mundo sen selo.

Unha atleta con moita paixón e dedicación por igual

Lidia Parada é unha atleta galega de 29 anos que compite na modalidade de lanzamento de xavelina, é unha referente a nivel estatal. Comezou a ter éxito neste deporte aos 16 anos, xa desde entón compite co club Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza, que ten a súa sede na Pobra do Caramiñal. Foi catro veces campioa de España en categoría absoluta e outras seis en categorías inferiores. Tamén participou en competicións internacionais.

No ano 2021, sufriu unha lesión no talón de Aquiles que a apartou dos Xogos Olímpicos de Tokio. O ano pasado, tras recuperarse da lesión, volveu á competición e conseguiu a prata no Campionato de España 2022.

Comentarios