Piragüismo

Pablo Crespo e Martín Jácome gañan o ouro en C2 Sub-23

O piragüismo galego destaca no Mundial Sprint 2023 ICF Júnior e Sub-23 que ten lugar no Lago de Santa Caterina, Auronzo dei Cadore, Italia.
Pablo Crespo e Martín Jácome, co ouro no C2 Sub-23 en 1.000 (Foto: Fegapi).
photo_camera Pablo Crespo e Martín Jácome, co ouro no C2 Sub-23 en 1.000 (Foto: Fegapi).

Desde a pasada cuarta feira, vinte padeeiras e padeeiros da Galiza participan no Campionato do Mundo Sprint 2023 ICF Júnior e Sub-23 que ten lugar no Lago de Santa Caterina, Auronzo dei Cadore, Italia. Após as eliminatorias e as semifinais das dúas primeiras xornadas, esta sexta feira chegaron as definitivas, cuns bos resultados para a representación galega que conseguiu traer tres medallas. 

Na emocionante final de C2 Sub-23 de 1.000 metros, Pablo Crespo e Martín Jácome, ambos os dous representantes do Club Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra, alzáronse coa medalla de ouro cun tempo de 3:34.88. A segunda posición foi para os ucraínos Atem Chetvertal e Pavlo Borsuk que fixeron 3:36.03, mentres que os húngaros Nicholas Fodor e Marton Horbath serían terceiros cun cronómetro de 3:37.89. 

Doutra banda, na final de C2 500 metros, a galega Antía Otero e a mallorquina María Moreno foron bronce cun tempo de 1:59.94. Por diante quedaron as moldavas Daniela Cociu e María Olarasu, con 1:58.79, mentres que as húngaras Reka Opavszky e Laura Gonczol lograron a prata con 1:59.39. 

Na final de K4 500 metros Sub-23, o equipo formado por Iván Fernández, Xoel García, Alex Graneri e Carlos García destacou ao obter a medalla de prata. O cuarteto completou a carreira nun tempo de 1:21.18, quedando por detrás do equipo húngaro, que levou o ouro cun tempo de 1:20.82. Os checos tamén tiveron unha destacada actuación e levaron a medalla de bronce con 1:21.58. 

Sen medalla

Ademais, en Italia participou Pedro Torrado na categoría xuvenil de C1 1.000 metros, finalizando noveno. Por outra parte, o equipo xuvenil de K4 formado por Óscar Allegue, Iker Veiga, Antón Cao e Nicolás Gayol finalizou no sexto lugar na final de 500 metros. 

En K2 1000 metros, tamén na final, Martín López e Javier García estiveron a piques de subir ao podio. Con todo, a parella terminou no cuarto lugar, quedando a tan só medio segundo de obter unha medalla.

Finalmente, dúas horas despois da súa destacada participación en C2, Pablo Crespo competiu na final de C1 1.000 metros Sub-23, rematando en  sétimo lugar. Nesta ocasión, o italiano Gabriele Casadei fíxose coa vitoria.

Máis en DEPORTES
Comentarios