O padeeiro Luís Fernández brilla na Copa estatal

O deportista do Club Deportivo Miño desenvolveu unha moi boa actuación en Mondariz Balneario.
Luís Fernández no recente campionato estatal de slálom (FGP)
photo_camera Luís Fernández no recente campionato estatal de slálom (Foto: FGP)

O río Tea, ao seu paso por Mondariz Balneario, volveu ser protagonista dunha proba estatal de piragüismo na que Galiza mostrou, neste deporte, que ten aínda moito que dicir malia a difícil situación sanitaria da pandemia. Na I Copa estatal de slálom olímpico da pasada fin de semana destacaron varias medallas aínda que na clasificación por clubs estes quedaran sen podio. 

A figura galega desta proba foi o padeeiro do Club Deportivo Miño Luís Fernández, que conseguiu o triunfo na categoría C1 Sénior, sumando así dúas vitorias consecutivas nesta copa. No podio final acompañouno outro galego, Daniel Pérez, do Piragüismo Penedo na terceira posición. 

Houbo ouro tamén para Manuel Ochoa, do Deportivo Miño, na final do K1 senior, recuperándose do décimo quinto posto da primeira xornada de competición. 

As medallas continuaron en categoría xuvenil con Brais Caride, do Piragüismo Penedo, que remataba o sábado cunha medalla de bronce e o domingo levaba a prata na final de C1. Por último, o deportista local de Club Tea Mario Otero conseguiu unha meritoria terceira posición en K1. 

Sen podio, aínda que era unha das mellores bazas para alcanzar as medallas, era Ainhoa Lameiro. Malia rematar o sábado en sétimo lugar e o domingo lograba unha meritoria cuarta praza, quedou moi perto mais fóra dos postos de podio.

Sen podio na clasificación por equipos

A clasificación xeral por equipos terminaba cos conxuntos galegos no podio, o Club Piragüismo Penedo foi cuarto, seguido polo Deportivo Miño quinto, o Tea de Mondariz sexto, Piragüismo Montaña Quixós oitavo e o Piragüismo Dumbría décimo segundo. A vitoria nesta primeira regata do ano foi para Atlético San Sebastián, Club Cadi Canoe segundo e o Santiagotarrak terceiro. 

No calendario máis próximo, o piragüismo ten por diante o Campionato Galego de Inverno, a realizar o vindeiro 6 de marzo, nas categorías veteranos, sénior, sub23 e júnior con embarcacións K-1 e C-1 e unha distancia de 5.000 metros. O campionato estatal agardará até os días 20 e 21 de marzo nas categorías sénior, sub23 e júnior coa distancia de 5.000 metros e embarcacións K-1 e C-1. En ambos os casos, segundo a Federación Galega de Piragüismo, os lugares están aínda por confirmar.

Comentarios