Entrevista

Manu Garrido: "O meu soño era gañar a categoría absoluta de canoa"

Manu Garrido (Tui, 1988) cumpriu o seu soño e esta pasada fin de semana proclamouse en Portugal campión mundial absoluto de Canoa ICF. Arroupado pola afección galega que se achegou a Ponte de Lima, o padeeiro culminou aos 33 anos toda unha traxectoria deportiva dedicada ao piragüismo e repleta de éxitos.
O padeeiro Manu Garrido diante do río Miño (Foto: Jesús A. Pazo).
photo_camera O padeeiro Manu Garrido, diante do río Miño. (Foto: Jesús A. Pazo)

—Como se desenvolveu a regata en Ponte de Lima na que quedou campión do mundo?
Foi unha proba para min espectacular. Lavabamos preparándonos para ela e centrándonos nese día toda a tempada. Era o noso obxectivo e saímos a gañar. Sabiamos que chegabamos ben. Buscamos que se tratara dunha regata dura desde o principio e saímos a por todas desde o principio e así foi.

—Que foi o máis difícil da proba en Portugal?
Estaba moi mentalizado. Creo que foi un dos campionatos en que pensaba máis en min mesmo, non nos rivais. Moitas veces céntraste neles, en quen é máis forte. Neste saín pensando en min e en facer a miña regata e ver até onde chegaba. Desde o principio puxen un ritmo forte que só aguantou o húngaro. Non sabiamos se chegariamos até o final ou non por esa grande intensidade mais todo saíu ben.

—Para chegar a conseguilo tivo que realizar un adestramento especial durante todos estes meses, non si?
Seguimos a planificación de Esteban Alonso e de Manuel Pedrares, os adestradores do Kaiak Tudense, a mesma que fixen desde que comecei piragüismo.

Confío plenamente neles e no seu traballo. Preparámolo moito. Este ano, iso si, centreime máis na mobilidade do corpo, pois viña dunha lesión de cadeira e tiven que realizar máis estiramentos, algo que outros anos igual non trataba da mesma maneira. 

A nivel de forma física chegamos mellor que nunca, finos. Este ano houbo moita diferenza con respecto a outros. Fomos ben e eu estiven moi centrado. A miña cabeza só pensaba nese día, en chegar en plena forma á competición e puxen todo o meu esforzo en conseguilo. 

—Tivo máis mérito conseguilo agora, despois das condicións que tivo como consecuencia da pandemia?
O certo é que foron un par de anos parados. Un deles sen campionato e ao seguinte sen poder viaxar ao campionato de Europa quedei sen praza para o mundial. Foron dous anos sen ser internacional que me pasaron factura e que me fixeron vir con máis ganas este ano para o que pensaba que sería o último intento de conseguilo.

—Que diferenzas notou entre esta medalla e as que conseguiu, tamén como campión mundial, en Sub-23?
É verdade que conseguín tres campionatos do mundo nesa categoría mais era diferente. Daquela eu tiña como lema “Xuntos por un soño” e ese soño era ser campión do mundo, xa levaba moitos anos competindo con ese lema e agora é chegar ao máis alto, non hai máis no maratón. A categoría absoluta é a que define todo e o soño era ese. Parecía inalcanzábel mais ao final logrouse. 

—Como compaxina a vida deportiva coa de profesional da hostalaría?
A verdade é que non me sobra o tempo! Non me chegan as horas para todo o que quero facer. Necesitas moitas para dedicarllas ao adestramento. Todo precisa o seu tempo, o piragüismo tamén. Levo moitos anos coas dúas facetas, a de deportista e a de hostaleiro e vouno compaxinando ben. Iso si, cun grupo humano incríbel e unha familia que está tamén metida no mundo da hostalaría. Entre todas e todos é moito máis fácil.

—Cal será o seguinte reto?
Gañar o Campionato do Mundo de Maratón na categoría absoluta era o obxectivo e agora queremos gozalo. Despois, tras un descanso, valoraremos o que faremos máis adiante.

Comentarios