Muras consolida o Trail das Bestas na serra do Xistral con 265 inscricións nesta sexta edición

A proba constará de catro saídas e xa confirmaron a súa presenza deportistas de elite.
José Santiago, dos Corzos do Ortegal, será un dos protagonistas en 2023 (Foto: Traisl das Bestas).
photo_camera José Santiago, dos Corzos do Ortegal, será un dos protagonistas en 2023 (Foto: Traisl das Bestas).

O Trail das Bestas recunca este ano, e xa van seis, na serra do Xistral. A cita será hoxe no municipio de Muras (comarca da Terra Chá) e tomarán parte 265 persoas que se anotaron para facer a proba, que ofrece catro modalidades de participación: unha maratón de 43 quilómetros, un percorrido de 27 quilómetros, outro de 14 quilómetros e unha andaina, cunha distancia tamén de 14 quilómetros. 

En opinión do alcalde da localidade, Manuel Requeixo, “é un éxito chegar a esta sexta edición e cunha participación tan elevada. O deporte é unha actividade transversal que permite que as persoas participantes coñezan o noso concello, as nosas paisaxes, que valoren e valoremos os espazos naturais cos que contamos”. 

A tenente alcalde e responsábel de Deportes de Muras, Paula Gómez Souto, explica a Nós Diario que a proba “está consolidada e mesmo é un referente a nivel galego”.

Apostar polas carreiras de montaña foi unha decisión que tomou “para dar a coñecer o corazón da serra do Xistral, cun escenario diferenciador e cun valor moi grande para Muras”. Salienta que o evento continúa a ter moita demanda para participar "malia que cada vez hai máis probas e facilidade para asistir a elas". 

As novidades

A proba contará con catro saídas, tendo o lugar da Veiga como centro neurálxico da xornada. Desde ese escenario, ás 8 horas, partirá a maratón. Hora e media máis tarde será o momento da de 27 quilómetros desde Os Coruxos para rematar as dúas seguintes comezando desde Escourido, primeiro a de 15 quilómetros (10.15 horas) e por último a andaina (10.20 horas).

O responsábel da organización do evento, Pablo López (Marmar Outdoor), indica a Nós Diario que entre as novidades que se atoparán hoxe está un novo percorrido na distancia curta e tamén na andaina “aproveitando que son as probas con maior asistencia”.

Recoñece que serán “algo máis duras, montañeiras”. Amais, nesta edición conseguiron incorporar novos camiños á maratón, a máis profesional.

Alén do elevado número de participantes, López salienta que estarán algunhas figuras importantes desta disciplina deportiva. Por este motivo prognostica que será unha edición disputada, "sobre todo na maratón" pola presenza de corredoras e corredores que veñen destacando noutras probas de trail.

"Estará o mellor da Galiza, como Fátima López, Lidia García ou Matilde Vázquez, en mulleres; e Pablo Vecino, José Santiago, David Senra, Ramón Varela, en homes", indica López, "cunha pelexa entre cinco ou seis deportistas, polo que vimos nas inscricións", conclúe. 

Máis en DEPORTES
Comentarios