A Chandrexa Trail máis solidaria regresa o 18 de xuño

O certame, que contará con tres percorridos, colabora coa Asociación de Fibrose Quistica da Galiza 
O desnivel máximo será de 2.350 metros. (Foto: Club Pena Trevinca).
photo_camera O desnivel máximo será de 2.350 metros. (Foto: Club Pena Trevinca).

A undécima edición da Chandrexa Trail desenvolverse en Chandrexa de Queixa o vindeiro 18 de xuño. Organizada por Running Sport Trail, a proba, que colaborará un ano máis coa Asociación de Fibrose Quística da Galiza,  contará con deportistas procedentes de todo o país, así como de diferentes puntos do Estado.

Esta nova Chandrexa Trail elaborou tres percorridos, a escoller polos e polas participantes, entre os 34 quilómetros na súa modalidade máis desafiante -cun desnivel de 2.350 metros-, un circuíto de 18 quilómetros -desnivel de 960 metros- e unha andaina de 18 quilómetros co mesmo trazado que o anterior.

Todos estes percorridos partirán desde o Concello de Chandrexa e concluirán no colexio da localidade. Durante o mesmo, os e as competidoras terán á súa disposición distintos puntos de avituallamento, nos cales poderán retomar forzas para continuar a carreira, que contará tamén con corredores escoba que eliminarán os e as atletas que non cheguen nos distintos cortes horarios propostos pola organización.

O evento será válido para a clasificación da Liga Provincial de Trail Ourense e, polo tanto, os puntos obtidos serán computábeis no sistema ITRA. A maiores, tamén é salientábel que a Chandrexa Trail servirá como clasificatorio para o desafío de UTMB Mont-Blanc, que terá lugar a finais do mes de agosto e que reunirá as e os mellores corredores do mundo.

Ribeira Sacra Cycling Road 2023

Non moi lonxe de alí o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), co apoio de Turismo da Galiza, levará a cabo a terceira edición da Ribeira Sacra Cycling Road, da que anunciaron o seu regreso para o final do verán, concretamente o domingo 24 de setembro. 

Con saída na localidade de Luíntra -no Concello de Nogueira de Ramuín-, os interesados e interesadas en participar na proba poderán escoller entre o percorrido de gran fondo de 115 quilómetros e de 2.600 metros de desnivel -con subidas que superan 20%- e o minifondo de 80 quilómetros cun desnivel de  1.700 metros. 

Ademais, a Ribeira Sacra Cycling Road contará cun tramo cronometrado con circulación libre que incluirá a última subida, outorgando un premio especial aos tres primeiros e primeiras de dito tramo que participen no Gran Fondo.

Comentarios