Noli Casal: "A diferenza do atletismo, nas carreiras extremas compiten os primeiros, o resto non"

Nos deportes actuais hai probas que superan o espírito de sacrificio e non teñen un seguimento mediático acorde co que representan. É o caso das carreiras de longa distancia por montaña. A galega Noli Casal Olveira vén de rematar unha das máis difíciles: a Lavaredo Ultra Trail en Cortina d'Ampezzo (Italia). Foron 120 quilómetros con 5.800 metros de desniveis que rematou en algo máis de 26 horas. Quedou o posto 83 entre as e os 2.000 deportistas participantes. A súa experiencia vai máis alá da competición e entra no terreo da superación persoal.
A deportista, que pertence ao club galego GTR e tamén ao portugués Boavista FC, o día antes da proba (Boavista FC).
photo_camera A deportista, que pertence ao club galego GTR e tamén ao portugués Boavista FC, o día antes da proba (Boavista FC).

-Como naceu a súa paixón polas carreiras por montaña?

Eu comecei hai uns oito ou nove anos. Daquela convidáronme a facer unha andaina de 50 quilómetros en Pontevedra. Nesa proba daban a opción de facela correndo e animeime. Gustoume a experiencia e volvín facer outra en Ribeira tamén coa mesma distancia. A partir dese momento decidín participar en moitas máis até que descubrín as de gran percorrido en montaña na que ten lugar na Ribeira Sacra. Decidín que este sería o meu deporte e sempre en distancias que superasen os 100 quilómetros.

-Tivera contacto con outros deportes con anterioridade a realizar este tipo de probas?

Sempre fixen deporte. Practiquei tenis, voleibol... mais correr nunca. Iso si, camiñaba moito e sempre distancias longas. 

-Hai algún tipo de preparación especial de cara a participar en probas con este nivel de exixencia física?

Non fago ningunha dieta especial, non a preciso. Entre semana adoito correr unha ou dúas horas e nas fins de semana si aproveito para facer percorridos máis grandes de catro horas. Despois fago traballos de forza co apoio dun adestrador persoal que teño desde hai seis meses, cando pensei en preparar a carreira de Lavaredo.

-Como foi enfrontarse a ese reto en Italia?

Descubrina hai tres anos a través dun vídeo e namoreime dela. Comecei a preparala e participei en varias antes a modo de preparación. A experiencia foi de medo, de non saber onde me estaba metendo. Eu estaba lesionada e con problemas polo que estiven mes e medio parada e sen actividade. Mesmo cheguei a retirarme de dúas carreiras anteriores. Fun a Lavaredo consciente de que non a remataría tampouco. Na miña cabeza estaba presente, tamén, o falecemento dúas semanas atrás da miña nai. Coido que non estaba nin ao 80% de capacidade nesta carreira. Fun ao tolo. 

Fisicamente non tiven molestias os primeiros 60 quilómetros e a partir dese momento foi a cabeza que tirou do meu corpo. Estiven a piques de abandonar cando faltaban doce quilómetros para chegar á meta. Foi un momento duro, con tres grandes treboadas no cumio con sarabia e moito frío. Xa a miña cabeza non funcionaba correctamente e non sabía que pasara o máis duro.

Tiven medo ao vivir unha experiencia que nunca tivera

Tiven medo ao vivir unha experiencia que nunca tivera. Atopeime con tres persoas que medían os tempos e díxenlles que quería abandonar. O caso foi que eu faláballes galego e eles italiano polo que non me entenderon e decidín seguir até o seguinte control. Ao chegar decateime de que me faltaban 10 quilómetros para rematar e collín forzas abondo como para continuar e rematar a proba.

-Que busca unha deportista neste tipo de competicións de resistencia?  

No meu caso non busco subir a un podio nin competir coa miña compañeira ou compañeiro. Tampouco co resto de participantes. Compito comigo mesma. Chegar á meta se podo en 24 horas mellor que en 26. Se ao final tardo 27 horas non vai pasar nada. A miña intención é superarme a min mesma. É unha sensación diferente a outras competicións. En Lavaredo, por exemplo, estaba soa cando cheguei á meta e chorei pola emoción de rematar. A diferenza do atletismo nas carreiras extremas compiten os primeiros, o resto non e en caso necesario sempre botarán unha man se a precisas. 

Comentarios