O mellor tríatlon chegará a Allariz o 19 de agosto

A veterana proba celebra o seu 31 aniversario.
Roberto Naranjo, Carlos Puga, Cristina Cid e Mónica Flores, onte. (Foto: Concello de Allariz).
photo_camera Roberto Naranjo, Carlos Puga, Cristina Cid e Mónica Flores, esta terza feira. (Foto: Concello de Allariz)

Os últimos preparativos xa están en marcha para o XXXI Tríatlon Vila de Allariz, un evento deportivo xa histórico que congregará participantes non só de todo o país, senón dos máis diversos territorios do Estado e mesmo de Portugal.

A presentación do certame tivo lugar na xornada de onte, nun acto que contou coa presenza da alcaldesa de Allariz, Cristina Cid; Carlos Puga concelleiro de Deportes; Roberto Naranjo, técnico de Deportes; e Mónica Flores, secretaria da Federación Galega de Tríatlón.

Todas elas expresaron o seu "apoio entusiasta" ao tríatlon, e desexaron "o mellor" aos e ás atletas que participarán na edición de 2023 da competición. Esta terá lugar o 19 de agosto ás 18.30 horas, e, como é habitual, desenvolverase na contorna do río Arnoia, coa arquitectura medieval de Allariz como escenario de excepción.

Nesta ocasión o Tríatlon Vila de Allariz conta con tres categorías principais, o que permite aos e ás participantes escoller o nivel do seu desafío segundo as súas habilidades e experiencia na disciplina. 

O prazo de inscrición, tal e como revelaron as persoas que interviron na presentación, quedou oficialmente aberto no día de onte. En total, engadiron, "haberá 125 prazas a disposición de deportistas federados e federadas", que poderán formalizar a súa inscrición a través da páxina web oficial da Federación Galega de Tríatlon.

Ademais, tamén destacaron que reservarán un total de 25 prazas para deportistas locais que estean empadroadas no Concello de Allariz, os e as cales deberán chamar á Piscina Municipal para obter unha delas.

"Como é tradicional -engadiron desde o Concello-, o público estará animando os e as atletas en cada etapa do tríatlon, que terán á súa disposición varios postos de avituallamento dispoñíbeis ao longo do percorrido para que poidan manterse hidratadas durante todo o desafío".

Aínda que os e as deportistas de nivel elite competirán polos primeiros postos e os tempos máis rápidos, o XXXI Tríatlon Vila de Allariz está aberto á participación de atletas de todos os niveis, desde principiantes até expertas, porque, salienta a organización, "ademais de ser un desafío persoal, é unha oportunidade única para fomentar a camaradería entre as corredoras e a comunidade deportiva en xeral.

Comentarios