Pontevedra acollerá a Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon do 20 ao 24 de setembro

Concello e Deputación asinaron o convenio de colaboración para a organización do evento deportivo.

Mundial Multideporte da World Triathlon que tivo lugar en 2019 na cidade de Pontevedra. (Foto: World Triathlon)
photo_camera Mundial Multideporte da World Triathlon que tivo lugar en 2019 na cidade de Pontevedra. (Foto: World Triathlon)

As Rías Baixas esperan a chegada de 4.000 participantes e de 10.000 visitantes durante a Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon, asegurou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.

O Concello e a Deputación de Pontevedra veñen de asinar o convenio de colaboración para o desenvolvemento desta cita deportiva.

A final das World Triathlon Championship Series é un evento de primeiro nivel que terá como sede a cidade do Lérez, que se converterá na capital mundial desta disciplina deportiva.

Proxección internacional

A Deputación achegará 500.000 euros para facer fronte aos gastos relacionados co desenvolvemento do campionato do mundo. Era un compromiso adquirido xa desde o ano pasado, lembrou Fernández Lores.

"Este é un evento que transcende a cidade, é un evento que terá unha repercusión notábel en todas as Rías Baixas e que achegará até estas terras a máis de 4.000 triatletas, ademais de equipos técnicos, organizativos, familiares e espectadores ".

Contará con proxección internacional. "Falamos dun evento que será retransmitido en ducias de países", indicou Lores. "Tanto a cidade de Pontevedra como todas as Rías Baixas terán unha proxección importantísima. A Deputación debería participar nesta cita e participará, algo que agradezo de xeito público ".

Neste sentido, o rexedor avanzou que estudarán a repercusión económica desta cita deportiva, antesala da final do Mundial Multideporte en 2025 e que tamén terá lugar en Pontevedra.

Comentarios