Belén Toimil, sétima no Europeo de Pista Cuberta

O mellor lanzamento da galega alcanzou os 18,01 metros, a súa segunda mellor marca persoal.
Belén Toimil consolídase como unha das mellores lanzadoras do mundo (Foto: RFEA).
photo_camera Belén Toimil consolídase como unha das mellores lanzadoras do mundo (Foto: RFEA).

A mugardesa Belén Toimil finalizou o Campionato de Europa de Pista Cuberta que se está a desenvolver na localidade polaca de Torún en sétima posición na modalidade de lanzamento de peso.

Despois dunha fase de clasificación espectacular, na que bateu o récord de España e conseguiu a mínima olímpica após alcanzar os 18,64 metros, a atleta galega quedou moi lonxe desta marca na súa primeira final continental, pois no seu mellor intento lanzou até os 18,01 metros.

Non obstante, esta marca non só é a segunda mellor da súa carreira, senón que tamén é a mellor conseguida por unha atleta do Estado en pista cuberta.

Xa que logo, o balance de Torún para Belén Toimil só pode ser moi positivo, e abre a esperanza de que poida ser quen de facerse cun lugar no podio nos Xogos Olímpicos de Tóquio.

Pola súa banda, a outra representante galega en Torun, Ana Peleteiro, tratará mañá de defender o título continental que logrou en Glasgow no ano 2019, onde a ribeirense, ademais, asinaba a súa mellor marca persoal voando até os 14,73 metros, distancia que ben podería ter que alcanzar para conseguir superar á grega Papahrístou e á bielorrusa Skvartsova.

Segundo o programa oficial facilitado pola organización do Campionato de Europa de Pista Cuberta, a fase de clasificación do triplo salto será ás 12 horas e a final mañá, 7 de marzo, ás 17.20 horas.

Comentarios