O atletismo galego supérase en Ourense

A boa forma do atletismo galego certificouse estes días no Campionato de España de pista cuberta realizado en Ourense. O evento deportivo confirmou figuras como Ana Peleteiro, Belén Toimil e Adrián Ben ademais de mostrar a recuperación de Saleta Fernández e o futuro que marca en presente a lucense Xela Martínez. 
A monfortina Saleta Fernández, cunha bancada entregada, lograba medalla e a súa mellor marca da tempada (MMT) con 1.85 m. (Foto: Federación Galega de Atletismo).
photo_camera A monfortina Saleta Fernández, cunha bancada entregada, lograba medalla e a súa mellor marca da tempada (MMT) con 1.85 m. (Foto: Federación Galega de Atletismo).

O atletismo galego leva anos traballando para situarse no lugar que se merece. Nin a pandemia e as dificultades para adestrar que tiveron moitas e moitos deportistas foron quen de diminuír o nivel en varias disciplinas.

Vímolo os pasados Xogos Olímpicos de Toquio coa medalla conseguida en triplo salto por Ana Peleteiro ou a evolución que tivo a plusmarquista de lanzamento de peso Belén Toimil. A recuperación da saltado Saleta Fernández e as expectativas das novas promesas como Xela Martínez fixeron que todos os ollos estiveran postos estes días pasados no Campionato de España realizado en Ourense

E a cita non defraudou. A competición rematou cun balance que en palabras da Federación Galega de Atletismo é "moi positivo" conseguíndose un total de tres ouros, un bronce,  catro récords galegos e oito mellores marcas persoais (MMP). 

Tres ouros con nome de muller

O atletismo galego feminino triunfa. A medallista olímpica Ana Peleteiro confirmou as expectativas e impúxose cun triplo salto de 14.08 metros. Ademais, neste mesmo concurso, Alba Cuns estivo na loita polos metais cos seus 12.98 que constitúen unha MMP e a catapultan á élite nacional absoluta. Diaou Diallo do Ria acudía infiltrada a esta cita estatal rematando na novena posición con 12.37 m. Na categoría masculina excelente sexta posición na final para o lucense Alexander Barreiro con 15.09 que representa unha MMP. 

A outra deportista que mantivo o nivel que se agardaba foi Belén Toimil que, malia estar saíndo dunha lesión, fixo valer a súa superioridade para impoñerse no concurso de peso onde tan só lanzaba en dúas ocasións ata chegar ata os 16.89 m. que lle permitiron reeditar o seu título do ano pasado. A campioa galega de pista cuberta Raquel Villa do A.F.Celta pola súa banda, remataba no décimo lugar con 12.16 m. 

A terceira referencia galega destes campionatos foi Saleta Fernández que, cunha bancada entregada, lograba a súa MMT con 1.85 m. recuperando sensacións e facéndose co título logo dun ano cheo de problemas físicos. "O importante para min era gañar, independentemente da marca, era na casa e tiña a toda a familia alí", explica a monfortina a Nós Diario.

Fernández lembra "o complicado" que foi a preparación para esta cita na que participou "aínda sen estar recuperada de todo" e sen poder aplicarse a fondo "por exemplo coas pesas". Apunta que, como no caso doutros e doutros deportistas da Galiza, "había presión por competir na casa mais tamén a parte boa de querer gozar do momento". 

A cuarta medalla galega, desta vez bronce, chegou na categoría masculina a través de Adrián Ben, finalista olímpico en Toquio, que remataba a carreira de 800 metros en 1:49.50 e na que tivo que ceder ante o gañador Álvaro de Arriba e García García.

Máis alá das medallas

Sen metais mais cunha boa participación o campionato contou con máis protagonistas. En velocidade, Javier García lograba o pase a final cun novo récord galego absoluto con 6.76. A bimedallista paralímpica Adi Iglesias marcaba nas eliminatorias un excelente crono de 7.68 (MMP) que repetiría nas semifinais coa sétima posición.

Nos 200 m. 22.15 para Sergio Rodríguez da Gimnástica nas eliminatorias polos 21.59 que daban o pase as semis de Mauro Triana. O plusmarquista galego internacional remataba o seu campionato ca terceira posición nas mesmas  con 21.79. Nos 800 m. femininos, quinta posición nas semifinais para Raquel Meaños con 2:10.45. 

As probas dos valos con seis participantes foi a especialidade que contou con máis presenza galega. Na categoría feminina Lucía Ferrer da Gimnástica remataba na sétima posición con 8.85 (MMP) polos 8.77 da campioa galega absoluta Teresa Rodríguez do Riazor que entraba sexta e os 8.90 de Lucia Sánchez del Valle oitava.

Nos homes Santiago Rozas do Lucus concluía a súa eliminatoria con 8.25 polos 8.34 do recórdman galego Sub 20  Hugo Vázquez do Marineda que lle daban a oitava praza. Mesma posición na súa eliminatoria para o atleta João Alexandre Ribeiro con 8.23 que representan unha MMP. Por último nas probas de combinadas destacadísima quinta posición para Adolfo Sainz Maza que remataba o Heptathlon con 5.174 puntos. 

Por último, unha das probas que máis expectación causou foi a dos 3.000 a cargo de Xela Martínez (cos récords de España Sub 18 e Sub 20 con 9:14.96) e Esther Naverrete que facía MMP con 9:14.39.

Comentarios