Máis de 1.500 padeeiros estarán en Pontevedra no Trofeo Xacobeo 2022

A cidade de Pontevedra volverá ser esta fin de semana escenario por segunda vez do Trofeo Xacobeo 2022 de Piragüísmo. Ademais reunirá en outubro as e os mellores deportistas de loita olímpica.
O I Trofeo Xacobeo 2022 (Foto Nós Diario).
photo_camera O I Trofeo Xacobeo 2022 (Foto Nós Diario).

As augas do río Lérez, ao seu paso pola cidade de Pontevedra, e o encoro de Verducido acollerán o vindeiro 11 de setembro o II Trofeo Xacobeo 2022 de Piragüísmo. A proba reunirá de novo deportistas da Galiza,  Portugal e tamén doutros lugares da península con idades comprendidas entre os 6 e os 16 anos. 

Na presentación deste evento, realizada no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD), participaron representantes de varias Administracións (Xunta da Galiza, Deputación de Pontevedra e Concello de Pontevedra) ademais de responsábeis da Federación Portuguesa de Piragüismo, Real Federación Española de Piragüismo e a Federación Galega.

Apadriñando estas probas en augas pontevedresas estiveron na presentación Tono Campos, Tania Álvarez e Diego Romero.

Desde a organización do trofeo de piragüismo informaron que para este domingo teñen inscritas máis de 1.500 padeeiras e padeeiros. No horario previsto, as distintitas regatas comezarán o sábado ás 10.30 horas para a categoría infantil, mentres que os prebenxamíns, benxamíns e alevíns farano ás 15.30 horas no río Lérez.

Pola contra, a categoría cadete competirá ese mesmo día en Verducido tamén pola tarde.

Loita olímpica en Pontevedra 

A cidade de Pontevedra tamén contará cun importante evento deportivo en outubro. Nese mes albergará, entre os días 10 e 23, os campionatos do mundo de Grappling Ji, Grappling sub 17, sub 20 e absoluto e do mundial sub 23 de loitas olímpicas, que engloba as disciplinas de loita grecorromana, loita libre feminina e loita libre masculina.

Serán un total de sete campionatos do mundo que traerán até a capital das Rías Baixas 1.100 deportistas de 80 países.

Comentarios