Baño de medallas para Galiza no mundial de piragüismo

As piragüistas galegas seguen a recoller os froitos dun incríbel traballo nun deporte en que Galiza é unha verdadeira potencia internacional.
Diego Domínguez e Antía Jácome celebran a vitoria en Hungría (Foto: Fegapi).
photo_camera Diego Domínguez e Antía Jácome celebran a vitoria en Hungría. (Foto: Fegapi)

Como era de esperar, no Campionato do Mundo de Sprint Junior e Sub-23 de piragüismo que decorreu en Szeged (Hungría), a Galiza mantívose no máis alto deste deporte a nivel mundial. As piragüistas galegas seguen a recoller os froitos dun incríbel traballo nun deporte en que Galiza é unha verdadeira potencia internacional. 

Entre as campioas destaca a pontevedresa Antía Jácome. A actual campioa de Europa, proclamouse tamén campioa do Mundo en Hungría (C1 200 metros) cunha boa regata que lle deu a medalla de ouro por diante da chinesa Changwen Shuai e da canadense Sophia Jensen

Un ouro non foi suficiente

Con todo, ese ouro non ía ser suficiente para Jácome, sendo que, unhas horas máis tarde, a natural de Pontevedra subíase á embarcación C2 con Diego Domínguez (O Grove) para disputar a final do C2 Mixto 500 metros Sub-23. A parella galega realizou unha das carreiras máis tácticas do campionato en que desde o inicio se mantiveron nos tres primeiros postos logrando cruzar a liña de meta en primeira posición.

As boas noticias para o piragüismo galego non se detiñan aí. Precisamente Diego Domínguez, xunto co seu irmán, Noel Domínguez, lograban a medalla de prata na final de C2 500 metros Sub-23 nunha proba en que demostraron a súa impresionante forza. Ademais, tamén lograron unha medalla de bronce na proba de C2 1.000 metros Sub-23.

Ambos deron a súa mellor versión conseguindo un meritorio terceiro posto sendo superados tan só pola parella húngara formada por Balazs Adolf e Daniel Fejes, que foron ouro, e os ucraínos Astem Chetvertak e Pavlo Borsuk. Por se fose pouco, Noel Domínguez proclamábase tamén subcampión do mundo na categoría C1 5.000 metros.

Máis Ouros

Pola súa parte, na final de C4 500 metros, unha embarcación con tres galegos, Manuel Fontán, Martín Jácome e David Barreiro conseguía o ouro no C4 500 metros nunha actuación verdadeiramente dominante en que se impuxeron desde o inicio.

Estes resultados demostran, máis unha vez, que o piragüismo galego goza dunha incríbel saúde e que o país conta con algunhas das mellores piragüistas do planeta. 

Comentarios