A Galiza, a polo récord de medallas no Mundial de Piragüismo Esprinte de Edmonton

O obxectivo é superar as catro medallas logradas en Szeged (Hungría) no 2019.
A garra de Teresa Portela encabeza a delegación galega. (Foto: EP).
photo_camera A garra de Teresa Portela encabeza a delegación galega. (Foto: EP).

O Campionato do Mundo de Esprinte arrancou esta cuarta feira na localidade canadense de Halifax cunha importante representación galega nun evento que congregará máis de 1.000 deportistas de 70 países diferentes. 

Serán en total 14 os padexeiros e padexeiras da Galiza, que agardan mellorar os resultados do país en Copenhague 2021, onde Antía Jácome rematou segunda no C-1 200 metros e Rodrigo Germade primeiro no K-2 500 metros. Non obstante, o obxectivo último é superar o récord de medallas alcanzado en Szeged (Hungría) no 2019, cando o piragüismo galego sumou catro metais. 

Unha das principais opcións de medalla e a prata olímpica Teresa Portela. A veterana competidora, logo da desaparición da distancia na que é especialista, o K-1 200, debutou onte no K-4 500 acompañada pola pontevedresa Carolina García; Sara Ouzande, do Kaiak Tudense; e a catalá Laia Pélachs logrando meterse na final. Ademais, Portela formará embarcación con Ouzande no K-2 200 metros.

O K-4 masculino de Carlos Arévalo -quen tamén tomará a saída no K1 200-, Rodrigo Germade, Marcus Cooper e Saúl Cravioto comezou a súa andaina pouco despois de Portela e compañía e co seu primeiro posto na eliminatoria conseguiron o pase directo á final do sábado. 

Pola súa parte, Manuel Fontán competirá na distancia de C-1 500 metros, collendo a remuda no día de hoxe o deportista da EP Cidade de Pontevedra Pablo Crespo no C-1 1.000 metros, no que será o seu debut como internacional absoluto. Despois será a quenda de Pedro Vázquez no K-2 1.000 metros xunto co vasco Aitor Gorrotxategi. Os irmáns Noel e Diego Domínguez tamén loitarán por un posto na final no C-2 1.000 metros.

A volta aos seus 43 anos de Carlos Pérez 'Perucho' a unha cita mundialista está prevista para hoxe pola tarde, acompañado polo tudense Roi Rodríguez. Ambos, tomarán a saída no K-2 500 metros, distancia que regresa ao programa olímpico.

Completan a representación galega en Halifax Adrián Sieiro e Pablo Graña en C-4 500, que contarán co apoio de Manuel Fontán e o balear Joan Toni Moreno; e Adrián Mosquera na modalidade de paracanoe.

Lamentabelmente, Manuel Garrido, quen o sábado gañaba o ouro no Europeo de maratón, non puido viaxar a Canadá por dar positivo en Covid-19. 

Comentarios