Así serán as primeiras Olimpíadas Rurais da Galiza

A proba desenvolverase entre o 28 e o 30 de xuño.
José González Vázquez. (Foto: Concello de Friol).
photo_camera José González Vázquez. (Foto: Concello de Friol).

O Concello de Friol acollerá en xuño, concretamente ao longo dos días 28, 29 e 30, a primeira edición das Olimpíadas Rurais da Galiza, un evento organizado pola Consellería de Medio Rural do Goberno galego.

Presentado oficialmente esta terza feira no salón de actos do Centro Sociocultural de Friol, o acto contou coa presenza do conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez; o alcalde de Friol, José Ángel Santos; e o presidente do colectivo deportivo Hércules, Thor López Arias, entidade que se encargará do desenvolvemento do campionato.

Esta proba ten a súa inspiración nas primeiras Olimpíadas Rurais que se levaron a cabo no Estado español, na localidade dos Pedroches, en Córdoba, que desde hai 14 anos congrega alí en cada verán a 48 equipos de todo o sur peninsular para competir nun certame que recupera os xogos tradicionais deses pobos.

De cara a esta edición inaugural na Galiza, a organización agarda que un máximo de 24 conxuntos, chegados de todos os recunchos do Estado, sirvan como primeiro paso de cara a unha progresiva ampliación que alcance os 48 que compiten nos Pedroches.

Con respecto ao programa, logo dunha gala inaugural na que todas as persoas participantes desfilarán por Friol até chegar á praza de Andón Cebreiro, onde estará situado o escenario para ir presentando a cada un dos equipos, levaranse a cabo os primeiros torneos.

As principais disciplinas integradas no calendario son xogos tradicionais populares, como os zancos, os tiradores, lanzamentos de lastra, carreiras de sacos, o garrote, o cabalo, a cucaña, os mizos, as cintas, a corda, a carretilla, a silliña da raíña, a corda ou os cántaros, que darán paso a unha gala de despedida que coroará unha paellada. 

Comentarios