Unha campaña pide a "liberdade" de catro xogadoras de fútbol galegas

Os seus clubs, o PM Friol e o Amio SD, retéñenas contra a súa vontade. Están a empregar o "dereito de retención", mais na acción de apoio destácase que as futbolistas non coñecían "as verdadeiras consecuencias de aceptar algunhas das cláusulas".
As afectadas son tres xogadoras do Amio e unha do Friol (Foto: Change.org).
photo_camera As afectadas son tres xogadoras do Amio e unha do Friol (Foto: Change.org).

Unha campaña na plataforma social Change.org leva recollidas en menos de 24 horas 365 sinaturas -no momento de escribir estas liñas- das 500 que pide para solicitar a "liberdade" de María, Rai, Sara e Montse.

Trátase de catro futbolistas que militan no PM Friol (María) e o Amio SD (as outras tres xogadoras) e ás cales os seus actuais equipos néganlles a carta de liberdade para poder fichar por outro equipo.

Ambos os conxuntos están empregando o coñecido como "dereito de retención", unha práctica habitual nos contratos dentro do mundo do fútbol e que obriga María a permanecer no Friol un mínimo de dúas tempadas e a Rai, Sara e Monste a facer o propio no Amio por tres exercicios.

A campaña en Change.org denuncia que as xogadoras asinaron os seus contratos sen a presencia "dun asesor legal que lles explicase as verdadeiras consecuencias de aceptar algunhas das cláusulas".

"Estas, aínda que legais e estendidas no fútbol base, xeran gravísimos problemas ás futbolistas, pois durante a súa vixencia o seu futuro deportivo queda exclusivamente en mans do seu club, que pode non permitirlles abandonar o equipo con independencia de ter razóns lexitimas, como cambios na vida persoal, non disputar os minutos que cren merecer ou non conxeniar co adestrador ou adestradora", engade.

Fichaxe polo rival

Por outra banda, a recollida da sinaturas a prol da liberdade de María, Rai, Sara e Montse lembra que ningunha delas é "profesional", é dicir, que "xogan ao fútbol por pura paixón, xa que o contrato que asinaron non inclúe contraprestación económica algunha".

Especialmente duro é o caso de María, de só 18 anos de idade, pois o Friol recoñeceu publicamente que non a deixa marchar porque sabe que asinaría por un equipo rival como é o CD Lugo. 

Comentarios