'30 castelos para descubrir un reino'

A Torre de Xiá e o pasado lendario que envolve o castelo de Friol

Nun outeiro abrazado case por completo polo río Narla, as torres de San Paio dominan os camiños que entran desde Lugo ao cordal de Carregal e ás serras que protexen a antiga xurisdición da Ulloa. É un castelo empoleirado sobre a rocha que na súa feitura conserva a traza que lle deu Vasco das Seixas “O Mozo” aló polos primeiros anos do século XVI. Hoxe está rehabilitado e acolle un museo etnográfico da Deputación Provincial de Lugo.
Lateral leste da torre. (Foto: Martiño Picallo)
photo_camera Lateral leste da torre. (Foto: Martiño Picallo)

O pasado das torres de Narla está fundido coa historia da casa fidalga dos Seixas, cuxa antigüidade é lendaria; desta raiceira naceron contos que aínda hoxe están na tradición oral. Son principalmente dúas as historias máis relevantes e sinalan fitos senlleiros da casa e do seu territorio: a historia da Cova da Serpe, que nos fala das orixes remotas do territorio, e a da lenda dona das Torres, que se sitúa nos momentos de transición da Idade Medieval á Moderna –cando as torres comezaron a perder relevancia–.

Entre os dous momentos e as súas historias, sucedéronse diversos cabaleiros que fixeron medrar a liñaxe, o seu patrimonio e posición social até facer dos Seixas e da fortaleza de San Paio un referente. Por iso o señorío e as torres falan da nobreza das vellas estirpes.

A lenda da Cova da Serpe sucedida en tempos remotísimos ten como protagonista a Berta, filla de Lopo de Seixas, amo de San Paio. Era moza que gustaba moito de cabalgar soa polos arredores e deixarse á aventura. Nun deses paseos sufriu un contratempo e foi salvada de morte segura por un rapaz, vasalo do pai. Os mozos namoraron e iniciaron unha relación que topou coa oposición de don Lopo, así que a 
parella fuxiu.

Perseguidos, decidiron aventurarse a buscar refuxio no monte, nunha cova profunda na que vivía, segundo contaban, unha besta xigantesca e monstruosa: unha enorme serpe que pronto os acurralou. O mozo defendeuse con valentía co seu pequeno coitelo; nun intenso e dramático combate perdeu a vida pero antes de expirar feriu de morte o seu inimigo, salvando así a rapaza.

[Podes ler este fascículo completo, dentro do coleccionábel 30 castelos e torres para descubrir un reino, comprando o xornal Nós Diario de hoxe, nos quiosques ou en formato dixital na nosa loxa en liña, a través desta ligazón. Cada día, unha nova entrega, totalmente gratuíta co xornal]

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios