A Federación Galega crea un circuíto nacional de marcha

A Pobra, primeira parada deste certame atlético.
Antía Chamosa é a líder da actual xeración de marchadoras galegas. (Foto: SXP).
photo_camera Antía Chamosa é a líder da actual xeración de marchadoras galegas. (Foto: SXP).

A marcha galega contará cunha nova e importante ferramenta de promoción para este ano 2024. Así o recolle a circular 16/2024 da Federación Galega de Atletismo (FGA), a través da cal publicase oficialmente a creación dun Circuíto Galego de Marcha que durante este tempada terá lugar ao longo de seis xornadas, das cales cinco serán en ruta e unha en pista.

A primeira proba será tan cedo como o vindeiro 4 de febreiro na Pobra do Caramiñal, coincidindo coa disputa do nacional da modalidade; logo, terá continuidade no Concello de Ames o 23 de marzo; en Cervo o 7 de abril;  Santiago de Compostela o 4 de maio e A Coruña o 18 do mesmo mes, rematando o 16 de novembro nunha localidade aínda por determinar.

A creación deste Circuíto Galego, destacan desde a FGA, forma parte "dun dos compromisos adquiridos polo presidente, Iván Sanmartín". Este explica que un dos "aspectos chave" para el era "impulsar e articular" desde a Federación "todos cantos recursos" estean ao seu alcance para "promocionar o atletismo nas categorías base, sen esquecer o apartado de formación e capacitación de técnicos e técnicas".

Por iso, engade, puxeron en marcha o ano pasado o Centro de Ensino de Atletismo Galego (Ceaga), así como distintas campañas de promoción que, no caso concreto da marcha, están "impulsando" especialmente.

Para a responsábel federativa desta disciplina atlética, Maika Jueguen, a súa máxima preocupación na actualidade  é a de "seguir promovendo unha modalidade que conta con pouca oferta, sobre todo nas categorías de base". 

"Analizando as últimas tempadas observamos un descenso no número de participantes masculinos, polo que decidimos apostar desde a Federación por unha campaña tanto a nivel de formación como a nivel de promoción", apostilou Jueguen.

A máxima representante da marcha foi moi clara salientando a "importancia" da "colaboración e predisposición" dos concellos da Pobra do Caramiñal, Ames, Cervo, Santiago e A Coruña, así como a da Universidade de Santiago de Compostela (USC), para a "organización" deste Circuíto Galego que, "a maiores de servir como un importante elemento de promoción, pretende estar aberto á participación dos e das máximas referentes da marcha galega na actualidade".

Comentarios