Ben, Toimil e Chamosa representan a Galiza no Europeo de Atletismo

Cuns e Vázquez farán o propio no Mundial Sub-20.
EuropaPress_3572692_maria_belen_toimil_of_playas_castellon_competes_in_womens_shot_put_final
photo_camera EuropaPress_3572692_maria_belen_toimil_of_playas_castellon_competes_in_womens_shot_put_final

O atletismo galego do máis alto nivel terá dous focos principais durante este mes de agosto: o Campionato de Europa Absoluto de Múnic (Alemaña) e o Mundial Sub-20 de Cali (Colombia).

No primeiro destes certames, que arrancará o 15 de agosto e rematará o día 21 do mesmo mes, a representación da Galiza recaerá en Adrián Ben, Belén Toimil e Antía Chamosa.

Os dous primeiros teñen como obxectivo facer esquecer o mal sabor de boca que deixou a súa actuación no recente Mundial de Eugene (Estados Unidos), onde o viveirense non foi quen nin de clasificarse para as semifinais nos 800 metros lisos logo de rematar cuarto na súa serie; a lanzadora de peso, pola súa parte, tamén quedou lonxe do corte, e cun mellor rexistro de 17,48 metros non logrou coarse na finalísima.

Moi distinto é o caso de Antía Chamosa. A marchadora de 22 anos debuta nunha gran competición absoluta, mais non na distancia dos 20 quilómetros, na que obtivo a medalla de bronce no Europeo Sub-23 do pasado ano 2021, senón na máis esixente dos 35 quilómetros marcha na que tampouco é unha profana, pois ostenta, tamén desde 2021, o récord estatal Sub-23, que estabeleceu en 2 horas, 58 minutos e 22 segundos.

O futuro pasa por Cali

E se en Múnic compiten as atletas máis estabelecidas, en Cali  as persoas afeccionadas terán a oportunidade de seguir as evolucións das mellores promesas do planeta co gallo do Mundial Sub-20. Alí, nun certame que reunirá máis de 1.500 atletas, o pavillón galego estará defendido por Alba Cuns (triplo salto) e Pedro Vázquez (3.000 metros). Este último debuta xa no día de hoxe (ás 16, hora galega), mentres que a de Negreira terá que agardar até a sexta feira, día 5 de agosto.

Comentarios